Conferencia do prestixioso periodista Leontxo García sobre o xadrez

A Asociación Cultural Xaquedrum levará a cabo a conferencia O xadrez ensínate a pensar e é moi divertido, impartida por Leontxo García, o venres 2 de outubro ás 19,30 horas, no Centro Xuvenil Lug 2, na rúa Pintor Corredoira. Esta conferencia lévase a cabo dentro do programa Xaque mate, unha iniciativa xuvenil apoiada pola Dirección Xeral de Xuventude. O seu principal obxectivo é o fomento do xadrez entre a xuventude.

O pasado 11 de febreiro, a Comisión de Educación do Parlamento español decidiu -por unanimidade- impulsar o xadrez como materia, seguindo a liña marcada polo Parlamento Europeo en 2012. Só dous meses despois, o Parlamento de Galicia tomou unha decisión similar.

A demanda, que xa era grande, disparouse, e refírese a clases de  xadrez, xa sexan en horario lectivo ou extraescolar, pero tamén á súa introdución como ferramenta transversal e interdisciplinar (por exemplo, en clase de matemáticas ou de lingua), e a necesidade de formar formadores é aínda maior que antes.

Varios estudos científicos (o último, recentemente publicado, fíxose na cidade danesa de Aarhus) indican que os alumnos de xadrez educativo desenvolven máis moitos parámetros da intelixencia (incluída a emocional) e melloran o seu rendemento en matemáticas e comprensión lectora, os dous campos onde fallan os alumnos españois, segundo o Informe Pisa.

En España hai xa máis de 2.000 centros onde se imparte xadrez dunha maneira ou outra, e o índice de satisfacción de alumnos, docentes e pais supera o 80% en case todos os casos coñecidos.

“Na miña conferencia O xadrez ensina a pensar e é moi divertido resumo os poderosos argumentos, con base científica, da utilidade do xadrez como ferramenta educativa. Por exemplo, a longa lista de valores que desenvolve, a súa estreita conexión coas intelixencias múltiples de Gardner, a súa conexión coa intelixencia emocional, a necesidade dunha separación clara entre o xadrez educativo e o deportivo (aínda que debe haber unha liña transversal que os una), e as características que converten o xadrez nunha das ferramentas pedagóxicas máis eficaces e amenas”, explica Leontxo García.

“Non é necesario saber absolutamente nada de xadrez para comprender a miña conferencia. Tras impartila en 22 países, garanto que mesmo os docentes máis escépticos quedarán convencidos de que constitúe unha ferramenta profesional moi útil para eles”.

Leontxo García Olasagasti é un conferenciante, presentador, comentarista e xornalista español especializado en xadrez. Actualmente, é xornalista no diario El País e na cadea Ser. Ademais, impartiu numerosos cursos e é un conferenciante habitual sobre temas Pedagoxía e Aplicacións Sociais do Xadrez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com