A Conselleira de Medio Ambiente visita as obras da Ponte Paradai que estarán rematadas a finais de abril

O Alcalde, José López Orozco, e o Concelleiro de Urbanismo e Medio Ambiente, Luis Álvarez, acompañaron hoxe á Conselleira de Medio Ambiente, Infraestruras e Territorio, Ethel Vázquez, nunha visita que realizou ás obras de construción da Ponte Paradai.

A Conselleira anunciou que estarán rematadas a finais do mes de abril xa que neste momento está executado o 80% do proxecto. Estes traballos corresponden á Fase I, que une a glorieta Ponte Paradai coa glorieta Serra de Meira.

A Conselleira manifestou que a primeira fase desta intervención que se está a acometer entre Ponte Paradai-Serra de Meira conta cun investimento que supera os 3,5 millóns de euros.

Respecto das actuacións pendentes do Plan Paradai, manifestou que se está a redactar o proxecto para a segunda fase desta infraestrutura, a que continúa  ata a rúa Carlos Azcárraga.

As tarefas consisten na construción dunha nova ponte sobre o ferrocarril e a conexión coa estrada das Gándaras (glorieta Serra de Meira). Terá unha lonxitude total de preto de 360 metros e un ancho de 14,5 metros. Unha vez rematada, a vía disporá de tres carrís para a circulación dos vehículos e de beirarrúas para facilitar o paso dos peóns.

O Alcalde destacou que coa nova ponte “esta parte da cidade que parecía que estaba aillada queda agora máis cerca” e tamén demadou á Conselleira que se aproveiten as baixas económicas na execución do Plan Paradai para “arranxar Serra de Meira, dende entronque de Carlos Azcárraga ata a entrada da calzada das Gándaras”.

López Orozco tamén aproveitou a presenza da Conselleira de Medio Ambiente, Infraestruras e Territorio para reclamar unha solución ao 5% do Plan Xeral de Ordenación Municipal pendente de aprobación pola Xunta. O Concello decidiu a semana pasada solicitar unha xuntanza para abordar esta cuestión co Goberno Autonómico. O encontro solicitaráselle á Secretaria Xeral de Urbanismo tal e como lle indicou hoxe a Conselleira ao Alcalde.

@010lugo

Ethel Vázquez:

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo