Consello de Turismo, Catamaráns e promoción de produtos para impulsar o turismo da provincia

A Deputación de Lugo está a traballar para impulsar o turismo que chega á provincia con tres iniciativas que abarcan distintos ámbitos. Así o expresou esta mañá o Deputado Provincial de Turismo, Eduardo Vidal Baamonde, quen asegurou que o ente provincial “apostou por crear unha área específica neste eido, sen ter competencias e asume colaboracións cos concellos para que o desenvolvemento económico da provincia tome impulso”.

Entre as tres iniciativas destaca a presentación no pleno de mañá dunha moción para crear o Consello Provincial Consultivo de Turismo, un órgano que terá como funcións principais presentar iniciativas propias para o impulso do turismo tanto na provincia como en diferentes zonas, asesorar aos diferentes axentes en materia turística, facer crítica e fiscalización ou analizar e presentar balance das actuacións desenvolvidas.​

Vidal Baamonde subliñou que “o que propoñemos é crear un órgano participativo, no que poidan ter voz todas as institucións, asociacións ou entidades, tanto públicas como privadas, que desexen sumar para traballar xuntos polo turismo da provincia”.

O Deputado de Turismo engadiu que “ao igual que fixemos un Plan Estratéxico de Turismo totalmente participativo, coa colaboración de máis de 200 axentes do sector na provincia, e no que todas as propostas foron consensuadas; de novo, reafirmamos a nosa aposta por un Consello que poida servir como foro para a posta en común de novos proxectos e  actuacións”. Unha vez creado o Consello, cada entidade, dende as súas posibilidades e competencias, executará as actuacións consensuadas para mellorar os aspectos que se consideren máis febles.

Participación en Xantar

Outra das iniciativas en prol do turismo da provincia é a participación na nova edición de Xantar, a feira gastronómica que terá lugar dende o mércores e ata o domingo en Expourense. O deputado de Turismo avanzou que “o mércores participaremos nunha nova edición de Xantar​, destinada ao fomento e difusión da cultura culinaria”.

Vidal Baamonde subliñou que “contaremos cun espazo propio no que vamos a estar promovendo a provincia e os seus produtos e citas gastronómicas, a través de material informativo e degustación de alimentos típicos lucenses, entre os centos de persoas que reúne este evento.”.

A polémica dos Catamaráns

Eduardo Vidal, fixo referencia tamén ao polémico servizo de catamaráns da Ribeira Sacra. Ante as acusacións da oposición de que o ente provincial pretendía privatizar este servizo, o deputado aclarou que non se está a
privatizar o servizo dos catamaráns, pois a xestión e o control das rutas fluviais seguen en mans públicas da Deputación, que seguirá a fixar os prezos dos tíckets e a recibir os fondos recadados pola súa venda; e que o que se aprobou foi un contrato de servizo aberto a todos os interesados, non unha concesión do mesmo, para o funcionamento dos catamaráns baixo unha rigorosa supervisión pública do organismo provincial. Este contrato de servizos permitirá incluír novas prestacións, como rutas ás bodegas, e ampliar o prazo do funcionamento dos catamaráns ata a Ponte da Constitución e dende a Semana Santa.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo