Acudín a un sinal de vida no Auditorio grande de Lugo, ese que é homenaxe permanente a Xesús Mato e aos mozos que en Mondoñedo entraron na gloria da música, e desfrutei do concerto da actual fornada do Conservatorio de Música lucense,, que se permite ter tres bandas: pequenos (12-14), mozos (14-16), e maiores (ata 18), que deron tal lección de veteranía, profesionalidade e goce musical que aos asistentes – se non estivésemos previamente preparados – nos asombraría o espectáculo.
Como en momentos así me da por cavilar en futuros posibles, pensei no paradoxo de que o Conservatorio teña tres bandas de música e o concello ningunha; que as colleitas do centro permitirían recibir anualmente sangue fresca para renovar o lento sistema circulatorio da nosa banda convalecente; que os que demostrasen ser o máis capaces dos graduados cada ano no grado profesional, conseguida a maioría de idade na música e na vida, serían o maior aporte da sociedade lucense para unha banda que é historia de Lugo, e esta agardando atopar uns ollos coma os do Guadiana para que a música flúa de novo.
Vexo o entusiasmo que o Conservatorio – co director, Borja, á fronte – pon en conseguir que o milagre da música entusiasme aos rapaces – e o interese que Tareixa e Arrojo poñen no seu traballo público, confeso o meu desconcerto porque aínda non saltase unha chispa que incendiase conservatorio e concello nun luns común que a todos nos quente. Tampouco soño imposibles, que se fai falla un exemplo non hai máis ca mirar cara a “Sons e soños”, o único exemplo que coñezo de I. N. – intelixencia natural- para facer milagres sen ter que ser bautizados nas augas do Xordan.