Consideracións de Esquerda Unidaao respecto da ZBE no centro de Lugo

O pasado 14 de decembro, a alcaldesa Lara Méndez, convocaba a vecindade e comerciantes do casco histórico de Lugo para falar do proxecto “Zero: Corazón Verde”, xa licitado a unha empresa catalá, que pretende converter o casco histórico nunha zona de baixas emisións con control do tráfico. Máis tarde, o 28 de decembro, a Alcaldía anunciou a apertura do proceso de licitación das obras da praza de Santo Domingo, orzamentadas en tres millóns de euros, que completan o devandito proxecto.

Ao respecto, desde Esquerda Unida queremos trasladar as seguintes consideracións:

1. Empresa adxudicataria. No Concello de Lugo contamos coa empresa municipal EVISLUSA para o desenvolvemento de solo e vivenda, que podería terse encargado, cando menos, de parte deste proxecto urbanístico.

2. Non deben xeneralizarse en Lugo solucións pensadas para outras cidades. Lugo ten as súas particularidades, sen embargo o goberno municipal xeneraliza recetas pensadas para outras cidades. No caso que nos ocupa, o que serve para Barcelona ou Madrid, cidades cun alto grado de contaminación no centro urbán, non ten por que servir para Lugo. Por que é escollido o casco histórico de Lugo para crear esta zona de baixas emisións, cando é un punto no que existe menos tráfico, ao estar maioritariamente peonalizado?

É obvio para calquera lucense que existen avenidas con moito máis tráfico na cidade, como as Fontiñas, habitualmente colapsada de coches, que precisarían dun maior control de entrada e saída de vehículos.

É innegable que debemos coidar de contaminación a nosa cidade, pero que non nos enganen utilizando o barrio do casco histórico de Lugo como “zona zero”, cando o maior problema de contaminación non está dentro de murallas, senón, precisamente, fora. Un problema que se acentúa xenerando desprazamentos, como no caso do proxectado “barrio multiecolóxico” nas aforas da cidade ou a tan repetida ronda leste.

3. Deben conservarse as paradas de autobús urbano. No devandito proxecto elimínanse as paradas de autobús no centro, o cal dificulta o transporte para moitas persoas, entre as que está a poboación maior, con máis dificultade de mobilidade, e que é un dos grupo poboacionais máis representativos da zona. O servicio de transporte urbano debe ser a principal alternativa aos desprazamentos en vehículos privados.

5. Queremos humanizar, pero o Concello cementa. Necesitamos barrios con vida e inclusivos, con poboación asentada, con espacios de esparexemento, con zonas verdes, con actividade económica. O goberno local non humaniza, cementa sobre o asfalto, e trata de impoñelo como modelo de peonalización. Non pensaron espazos para o lecer e desfrute das persoas maiores, nin das crianzas. Non queremos máis prazas frías, chairas baleiras sen lugares, por exemplo, onde cobixarse da choiva ou do sol.

6. Evitar que o casco histórico se converta nun parque temático. O casco histórico é un barrio máis da cidade que ten más dun tercio das vivendas abandonadas, perdeu e perde poboación, sofre o peche constante de locais comerciais. Sen embargo, no trasfondo do proxecto de ZBE no centro de Lugo está a consagración do casco histórico como un parque temático, transformándoo nunha paisaxe estática de cemento, enfocada unicamente ao turismo, chea de apartamentos turísticos, coa conseguinte expulsión da veciñanza. As actuacións do goberno municipal están a converter o centro histórico nun gran solar urbano baleiro e sen vida, agás para os visitantes.

6. Participación cidadá. Desde EU demandamos a apertura dun verdadeiro proceso de participación cidadaná no que se escoite á veciñanza e se dea resposta ás súas necesidades reais.¿Onde está a participación cidadá cando o goberno municipal expón un proxecto xa licitado sen a consulta previa e precisa á veciñanza afectada?

As queixas que escoitamos da veciñanza do casco histórico seguen sendo as mesmas dende hai anos, sen que este Concello solucionase ningunha delas: por exemplo, a falla de fibra óptica na meirande parte das rúas do centro da cidade e a carencia de aparcamentos. Isto conleva que moitas empresas e autónomos decidan mudarse do centro a outras zonas. E tamén supón un sobrecuste para calquera reparación ou instalación nas vivendas desa zona porque apenas existen posibilidade de aparcar para prestar eses servicios. Sen embargo, a Alcaldía négase a responder as inquedanzas da veciñanza e comerciantes do casco histórico, no seu inmovilismo habitual.

7. Planificación. Para rematar co tráfico é necesario un urbanismo planificado orientado a tal finalidade, cunha visión de conxunto, fronte ao modelo do goberno municipal baseado na zonificación.

Seguindo a improvisación e as ocurrencias do goberno municipal, interveñen no casco histórico pero tamén trasladan o problema a outras zonas da cidade. Ao limitar o uso dos vehículos no casco histórico, que xa estaba limitado pola progresiva peonalización, o colapso de tráfico vai dirixirse a outras zonas.

Sen embargo, o goberno municipal non soluciona os problemas de tráfico en zonas conflitivas como as saídas dos colexios nin aclara que coches, e con que distintivos, van poder circular ou non, no perímetro ZBE.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com