Conta atrás para o XIX Desencontro Inimigo

O Desencontro Inimigo é unha reunión/festival itinerante que leva celebrando sen interrupción desde 2001 por toda España. A edición número 19 terá lugar en Lugo entre os días 5 e 8 de decembro de 2019. A iniciativa procede dun grupo de seguidores de Los Enemigos, que comentaban e compartían, a través dun foro na internet, concertos e discos, sobre todo da mítica banda de rock nacional, con décadas de traxectoria, nove discos de estudo, dous directos, dúas bandas sonoras e varias recompilacións.

O xerme de coñecerse offline e de homenaxear á banda madrileña foi crecendo ata chegar a materializarse no Desencontro. Co paso dos anos, tamén o número de participantes creceu e esta reunión anual converteuse nunha
cita fixa para amantes do rock, do blues, do soul, pero sobre todo, o Desencontro é a celebración da boa música, especialmente en directo, e do bo rollo do rock and roll, do blues e do soul con, como di unha das cancións máis coreadas da banda madrileña, “amigos que ninguén me presentou”.

Durante catro días, Lugo terá a honra de gozar dun gran programa nutrido de concertos, sesións de Djs, unha Jam Session, o tradicional partido e fútbol de Raspas vs Porrones, xuntanzas gastronómicas, unha visita cultural á cidade bimilenaria, e a exposición fortográfica de Bego Pérez que leva por título O sangue aínda férveme.

Entre os concertos, os aclamados Los Deltonos e os galegos The Bo Derek’ s serán os protagonistas dos concertos na Sala Tebras, o venres 6 de decembro. Los Deltonos, desde o seu debut en 1990 con Tres hombres enfermos, souberon labrarse un nome propio a base de cancións con gancho e calidade desbordante, disco tras disco, movéndose entre o blues, o rock e a americana. A banda cántabra formada por Hendrik Röver (guitarra e voz), Javier Arias (Batería), Pablo Zeta (Baixo) e Fernando Macaya (guitarra e coros), traen consigo o seu novo disco Fuego, rock ben soldado, aliaxes perfectas de funk e blues, e letras poderosas.

The Bo Derek’ s, defínense como os sex symbols do rock’ n’ roll desde as Rías Baixas, e son o resultado de xuntar a Óscar Avendaño (Siniestro Total, Los Profesionales, Reposado) á voz e á guitarra, cos Irmáns Martín, Jorge Lorre e Rufus el Porco ( Los Wavy Gravies, The Allnight Workers, Los Hijos Bastardos de Peter Lorre, Dead Wood…), baixo e batería respectivamente, para dar saída á súa vertente máis pub-rockeira: rock’ n’ roll para divertirse, beber e bailar. Asemade, tanto o día 5 como o 7 haberá outros concertos en diferentes locais da cidade.

A parte máis canalla do Desencontro terá lugar nas sesións de Djs. Chegad@s de todas partes de España e aínda máis aló, Ragtime Willie, PadelaTour, Doutor H. e Monsieur Haro, pDTK, Sr. Txus, Chánflex e Er Coco, aos mandos da mesa de mesturas manterán en alto as ganas de bailar.

Ademais, a programación conta co tradicional partido de fútbol sala, Raspas contra Porrones, unha visita cultural, xuntanzas gastronómicas e a Jam Session Inimiga, unha oportunidade única só para moi fans de interpretar os temas máis celebrados da longa traxectoria de Los Enemigos

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo