" />

Convocadas axudas en materia social por 190.000 euros para aluguer de vivenda, taxi adaptado e asociacións

A Xunta de Goberno aprobou este mércores a convocatoria de tres liñas de axudas en materia social que suman preto de 190.000 euros, segundo explicou o voceiro municipal, Miguel Fernández.

Trátase do programa de subvencións para o alugamento de vivendas; axudas para persoas con discapacidade física e afectadas por graves dificultades de mobilidade que teñan que facer uso de taxi adaptado, o denominado bono-taxi; e subvencións a asociacións e persoas xurídico privadas sen ánimo de lucro para levar a cabo programas e actividades e para o mantemento e conservación e pequenas reparacións das infraestruturas nas que se levan a cabo esas actividades.

Alugamento de vivendas

O plan de axudas para o alugamento de vivendas foi implantado polo Goberno socialista no concello hai 10 anos coa finalidade de favorecer un dereito fundamental como é o acceso á vivenda aos cidadáns con menos recursos. O Concello destina agora 150.000 euros a este plan, igual que no 2014, para financiar parcialmente o alugamento de vivenda destinada a domicilio habitual.

Terán preferencia persoas que sufran un desafiuzamento, familias monoparentais, persoas discapacitadas, mulleres vítimas de violencia de xénero e desempregados. Os beneficiarios serán persoas ou unidades familiares con rendas inferiores a 15.000 euros anuais con contratos de arrendamento vixentes ou con compromiso de adquirilos na data de peche do prazo de presentación de solicitudes.

A subvención, en réxime de concorrencia competitiva, concédese por un período inicial de 12 meses, prorrogable ata un máximo de 12 meses máis, e cobren entre o 20 e o 50% dos alugueres que non superen os 350 euros mensuais. Segundo subliñou o voceiro municipal, “a maioría dos beneficiarios recibe o 50% do importe, o que indica que se están beneficiando as persoas máis desfavorecidas”.

O anuncio das bases reguladoras da convocatoria de axudas ao alugamento de vivenda do Concello publicarase nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial da Provincia, así como no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello. O prazo de solicitude das subvencións será de 30 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación das bases no DOG.

Bono-taxi

A Xunta de Goberno aprobou tamén a convocatoria de subvencións para persoas con discapacidade física e afectadas por graves dificultades de mobilidade que teñan que facer uso de taxi adaptado, o denominado bono-taxi.

“Dende o Goberno local traballamos para mellorar a calidade de vida das persoas con algún tipo de dificultade, polo que apostamos por seguir dando estas axudas, ás que destinamos un orzamento de 9.000 euros”, asegurou o voceiro do Goberno.

A contía da axuda a cada persoa solicitante será de 800 euros anuais, a excepción das persoas empadroadas na zona rural, casos nos que o límite máximo será de 1.000 euros, unha novidade con respecto á convocatoria do pasado ano. Darase prioridade ás persoas que residan na zona rural e ás que perciban menos ingresos, no caso de que o número de solicitantes fora superior á dotación económica coa que conta a convocatoria.

As solicitudes poderán facerse durante o prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio das bases reguladoras das axudas no Diario Oficial de Galicia, que se producirá nos vindeiros días. As bases publicaranse tamén no Boletín Oficial da Provincia, no taboleiro de edictos e na páxina web do Concello.

Fernández lembrou que o Concello de Lugo conta na actualidade con tres taxis adaptados, converténdose o pasado ano “na primeira cidade de Galicia en contar na flota de taxis co 5% de vehículos adaptados, o ratio que recomenda a Lei autonómica de accesibilidade e supresión de barreiras”.

Asociacións de servizos sociais

Na sesión desta mañá, a Xunta de Goberno autorizou así mesmo a convocatoria de axudas a asociacións e persoas xurídico privadas sen ánimo de lucro que desenvolvan a súa actividade no eido dos servizos sociais para levar a cabo programas e actividades e para o mantemento e conservación e pequenas reparacións das infraestruturas nas que se levan a cabo esas actividades.

Para elo, o Concello destina 28.000 euros. Igual que nas convocatorias de axudas anteriores, o prazo para presentar as solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación do anuncio das bases reguladoras no Diario Oficial de Galicia, que tamén se publicarán no BOP, no taboleiro de anuncios e na páxina web do Concello.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo