Cs alerta de que Lugo non pode optar a subvencións da Xunta ao non presentar as Contas do ano pasado

A portavoz do Grupo Municipal de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, alertou esta mañá de que “a nefasta xestión económica da alcaldesa, Lara Méndez, fai que o Concello de Lugo vaia perder importantes recursos de cara ao vindeiro ano”.

Olga Louzao alertou, por exemplo, de que o Concello de Lugo non pode optar a ningunha subvención pública da Xunta de Galicia neste momento nin tampouco ás que saian de cara ao vindeiro ano ao non cumprir coa esixencia legal de remitir as súas contas ao Consello de Contas de Galicia.

“A aprobación e remisión da Conta Xeral por parte das entidades locais é un requisito imprescindible para que as entidades locais poidan solicitar calquera tipo de axuda ou subvención de carácter autonómico ao aparecer de xeito expreso recollido nas bases”, explicou a portavoz de Ciudadanos no Concello de Lugo. “Son miles de euros aos que o Concello de Lugo non poderá nin sequera optar”, insistiu.

Os Concellos teñen obriga legal de presentar as súas contas do exercicio anterior ao Consello de Contas antes do 15 de outubro de cada ano. Neste momento, dous meses despois de expirar ese prazo máximo fixado, o Concello de Lugo non remitiu aínda a Conta Xeral do exercicio 2017 ao órgano fiscalizador da Comunidade Autónoma. Dos 67 Concellos da provincia de Lugo, tan só 8 seguen neste momento sen presentar a súa contabilidade: Triacastela, Sarria, Ribas de Sil, Quiroga, Outeiro de Rei, Lugo, Castro de Rei e Antas de Ulla.

“Ademais dun incumprimento da Lei de Transparencia e do fixado na Lei de Subvencións, no caso do Concello de Lugo trátase ademais dun feito grave, dado que o Concello atópase inmerso nun Plan Económico Financieiro por incumprimento da Regra de Gasto e precisa de supervisión e autorización expresa do Ministerio de Hacienda e da Xunta para cuestións como a sinatura de convenios”, explicou Olga Louzao, que indicou que “na práctica é como se o Concello de Lugo estivese intervido pola súa nefasta xestión económica”.

A estas alturas, a piques de rematar o ano, o Goberno municipal non aprobou tampouco doutros documentos fundamentais para o funcionamento dun Concello, como son as Ordenanzas Fiscais e os Orzamentos Municipais para o vindeiro ano. “O Goberno de Lara Méndez é un Goberno á deriva que non é capaz nin de atender as súas obrigas máis básicas e ten a cidade absolutamente paralizada”, asegurou Olga Louzao, que reclamou un”cambio de rumbo” a partir de maio cun “novo Goberno responsable que estea á altura dos cidadáns e das necesidades de Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com