Cs denuncia a perigosidade do Camiño Primitivo ao seu paso por Lugo porque “está sen rozar”

Cidadáns reclamou hoxe a mellora do mantemento do Camiño de Santiago ao seu paso polo termo municipal de Lugo e denunciou que “ás portas do verán, a época con máis afluencia de peregrinos, a maleza invade o Camiño Primitivo e obriga aos camiñantes a ir pola estrada, co perigo que iso supón tanto para os peregrinos como para os condutores”.

Os concelleiros da agrupación no Concello de Lugo, Olga Louzao e Juan Vidal-Pardo, puxeron esta mañá como exemplo a estrada provincial LU-P-2901 na parroquia do Burgo. “O Camiño Primitivo discorre neste tramo por un sendeiro en paralelo á estrada que se atopa cheo de maleza, o que fai que os peregrinos non poidan ir por el e teñan que meterse e camiñar pola estrada. Trátase dun vial titularidade da Deputación moi estreito e que non ten beiravías na maior parte dos lugares, o que obriga aos peregrinos a ir camiñando pola calzada polo lugar reservado para os coches, o que supón un problema de seguridade vial grandísimo“, denunciou esta mañán Olga Louzao.

A voceira de Cidadáns esíxelle á Xunta de Galicia, responsable da ruta xacobea, á Deputación, titular da estrada, e ao Concello de Lugo “que se poñan dacordo nun plan de mantemento anual que manteña en óptimas condicións o Camiño Primitivo ao seu paso polo municipio de Lugo durante todo o ano”.

“Hoxe comeza oficialmente o verán e o Camiño de Santiago ao seu paso por Lugo non é o axeitado. A afluencia de peregrinos polo Camiño Primitivo é cada vez maior e é necesario que todas as administracións colaboren para manter o Camiño en perfectas condicións tanto este ano como de cara ao vindeiro Xacobeo 2021, que previsiblemente fará que a afluencia de peregrinos vaia en aumento tanto este verán como nos anos vindeiros, polo que é necesario prestarlle maior atención, os coidados actuais son insuficientes“, denuncia Olga Louzao.

Ciudadanos acusa ao Goberno da Deputación, titular da estrada que pasa polo Burgo, de “estar entretido noutras cousas, por exemplo, facendo a mudanza para o novo presidente”, igual que Lara Méndez, “centrada en repartirse o pastel do Goberno municipal co Bloque”, dixo. A Balseiro, delegado da Xunta en Lugo, reprochoulle que “un verán máis a Muralla está chea de herbas e o Camiño Primitivo sen rozar“.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com