Cs Lugo pídelle a área de Cultura que faga públicas as contas do San Froilán

O Concelleiro de Cs en Lugo, Juan Vidal- Pardo, instou esta mañá á edil responsable da área de Cultura, a presentar “de inmediato” as contas correspondentes á edición de 2021 das festas patronais. En palabras do edil de cidadáns, é “alarmante” que tres meses despois da celebración das festas, a titular de cultura non “se dignara a convocar a Comisión de Festas para coñecer o balance da pasada edición do San Froilán”.

Unha comisión que, como lembran dende a formación laranxa, celébrase a comezos do mes de decembro, pero “nunha demostración máis da súa falta de transparencia, talante democrático e ausencia de vontade de diálogo, o BNG optou, nesta edición, por non celebrar esta comisión, intentando ocultar aos lucenses a que destinaron os seus cartos”; un feito que o propio Vidal-Pardo tilda de “inaudito”.

O vicevoceiro da formación laranxa lamentou o tipo de relación pola que o BNG optou á hora de relacionarse coa oposición, na que, di, “o talante brilla pola súa ausencia e a confrontación é unha constante”. Asemade, segundo lamentou o edil de Cidadáns, “esta non é a primeira ocasión” na que a edil de cultura amosa unha “actitude despótica” hacia o resto de grupos da corporación.

Explica ademáis o concelleiro que o seu grupo “entende que se sinta molesta (a titular de Cultura) pola nosa labor de denunciar mes tras mes o descomunal gasto en contratos menores dados a dedo que se realiza dende a súa área, pero debe ser consciente de que non é algo froito dunha interpretación de Cidadáns, senón que é o propio Interventor municipal quen así o advertiu nos seus informes”.

“Non ten ningún tipo de xustificación que a estas alturas a comisión de festas para coñecer as contas do San Froilán 2021 non se celebrara. Exiximos a Ferreiro que convoque de forma urxente esta reunión e que deixe de pór trabas á nosa labor como oposición e, o que é peor, que deixe de ocultar aos veciños e veciñas de Lugo a que se destinou o seu diñeiro”, sinalou o  edil que aproveitou para solicitar unha maior implicación da rexedora en asuntos coma iste. “Non é a primeira ocasión en que Méndez debe enmendar a conducta de Ferreiro. Sorpréndenos que só o faga cando ten ocasión de lograr algún tipo de rédito político. Facer públicas as contas das patronais e actuar coa máxima transparencia é unha obriga do Goberno local”, concluiu Vidal-Pardo.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com