Cs propón colocar un quinto colector para reciclar residuos orgánicos

Cidadáns Lugo propón ao Goberno municipal a colocación nas rúas de Lugo dun quinto contedor, de cor marrón, destinado exclusivamente á recollida dos residuos orgánicos xerados nos fogares ou negocios de hostalaría da cidade co fin de favorecer a reciclaxe da materia orgánica mediante a compostaxe, tal como xa se fai noutras moitas cidades.

A voceira de Cidadáns no Concello de Lugo, Olga Louzao, explica que a Directiva europea Marco de residuos esixe a todos os estados da UE que en 2020 o 50% dos residuos que xera cada país se reciclen, e unha década despois terá que reciclarse o 65%, cando nestes momentos a porcentaxe de residuos que se recicla en España é moi inferior, tan só do 33%”.

Tendo en conta que a fracción orgánica dos residuos domésticos, é dicir todos os residuos orgánicos, peladuras, restos de comida ou restos de plantas, supón case a metade da nosa bolsa de lixo (un 42% segundo a caracterización realizada polo Ministerio de Medio Ambiente), “faise inevitable avanzar cara a unha recollida en orixe dos residuos orgánicos e ao seu posterior tratamento por medio da compostaxe para lograr cidades máis sostibles medioambientalmente e poder cumprir deste xeito coas esixencias de Europa”, afirma Olga Louzao.

A voceira de Cidadáns no Concello considera que “a recollida actual dos residuos orgánicos sen unha separación previa, tal como se fai en Lugo, imposibilita a súa reciclaxe, porque tal e como se recolle agora, a materia orgánica vai ao contedor gris mesturada con outros residuos e non serve para compostar“. “A cidade de Lugo xera diariamente unhas 92 millóns de toneladas de residuos, case un quilo por habitante, e a metade é materia orgánica que non se aproveita”, detallou Olga Louzao.

O seu destino na actualidade é a súa incineración no complexo de Sogama en Cerceda, a onde a cidade de Lugo enviou no último ano 33.500 toneladas de lixo, supoñendo o seu tratamento un custo de 2,7 millóns de euros. Por contra, os ingresos do Concello por reciclaxe de papel, vidro e embases son só 281.461 euros anuais.

Cidadáns explica tamén que o Concello de Lugo asinou o 20-6-1996 contrato coa empresa Urbaser para a recollida de lixo no termo municipal. O contrato caducou o 31-3-2017 e, case un ano despois, segue sen sacarse o servizo de novo a concurso público. Cidadáns pregunta ao Goberno municipal cando ten pensado sacar a licitación o servizo de recollida de lixo, en que fase se atopa o procedento e que novidades contempla. Este contrato, o de maior importe de todos cantos ten o Concello, supón un custo para as arcas públicas de 7,2 millóns de euros anuais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com