Cs urxe ao Goberno local a presentar a nova ordenanza de contaminación acústica

A portavoz do grupo municipal de Cs, Olga Louzao, criticou esta mañá a inacción do Goberno local en relación á elaboración da nova ordenanza de contaminación acústica, paralizada desde a chegada de Lara Méndez á alcaldía. “Máis de dúas décadas despois e a pesar do crecemento urbanístico que experimentou a nosa cidade, Lugo segue tendo o mesmo mapa de ruídos urbanos e a mesma normativa que rexe a apertura de establecementos de hostalería ou de industrias que xeran contaminación acústica. É un clamor social que a normativa debe estar actualizada á realidade da nosa urbe e a falta de regulación legal a nivel municipal está a xerar problemas de convivencia. É necesario que a alcaldesa deixe de esconderse e tome cartas neste asunto. Trátase dunha falta de vontade política”, sinalou a concelleira da formación laranxa.

“O 13 de febreiro de 2018 o Goberno local anunciaba aos catro ventos que o mapa de ruído urbano estaba a ser redeseñado. Hoxe, case 4 anos despois nada sabemos do novo texto. Este mes preguntamos na comisión pertinente que avances se produciron neste asunto e a resposta é que todo segue igual. É urxente que Lugo conte cunha ordenanza que se adapte á lexislación estatal e autonómica para poder dotar de seguridade xurídica a apertura de novos establecementos”, sinalou a edila que considera fundamental redeseñar a limitación de apertura de locais en zonas saturadas.

“A actual ordenanza supón ademais un lastre á rehabilitación de edificios en varias zonas da cidade, como o centro histórico ou Recatelo e limita o desenvolvemento urbano pola falta de certeza”, proseguiu.

“É unha auténtica vergoña que a Ordenanza municipal en vigor date do ano 2003. Esta normativa precisa ser adaptada ao Decreto 106/2015 da Xunta de Galicia sobre contaminación acústica e xa deu pé a distintas sentenzas en contra do Concello de Lugo entre outras, pola regulación das consideradas como zonas saturadas. En setembro de 2013 foi aprobada inicialmente a Ordenanza Reguladora de Contaminación Acústica do Concello de Lugo, pero esta quedou bloqueada tras recibir máis de 100 alegacións no prazo de exposición pública. Desde entón non se deu nin un só paso en firme a pesar das numerosas iniciativas presentadas polo noso grupo. Este é o modus oporandi ao que nos ten afeitos Méndez cuxa xestión e as súas desidia polos temas realmente importantes para os veciños ten sumida á cidade nun parálise total”, concluíu.

Novas relacionadas

Unha resposta

Deixa unha resposta
  1. Anónimo
    Out 22, 2021 - 03:14 PM

    Cando esté rematada dita ordenanza, Cs xa non estará no Concello. Hala… a facer ruido as vosas casas.

    Reply

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com