Cuarta edición do plan turístico Terras de Auga e Cultura

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, presentou este venres a cuarta edición do plan turístico Terras de Auga e Cultura, que inclúe un total de 35 rutas pola zona rural de Lugo e os concellos limítrofes de Rábade e O Corgo, que se desenvolverán todos os domingos, dende o 10 de abril ao 18 de decembro, excepto o 19 de xuño e o 9 de outubro, por coincidir co Arde Lvcvs e o San Froilán, respectivamente. Trátase dun programa de visitas temáticas de promoción turística para dar a coñecer o patrimonio natural, arquitectónico e cultural que se conserva nas parroquias. Deste xeito, a entidade local oferta rutas con 5 temáticas, xeoloxía, bioloxía, antropoloxía e etnografía, patrimonio histórico-artístico e arquitectura e deseño.

Durante a presentación, a edil anunciou como novidade nesta edición, que “haberá 5 rutas con horario especial, só de mañá. Serán as andainas de xeoloxía que se realizarán polo recinto histórico de Lugo”. Ademais, esta cuarta edición inclúe excursións por sete novas parroquias, sinalizadas e identificadas recentemente polo Concello. Deste xeito, as andainas deste 2016 recorrerán Adai, Bocamaos, Meilán, O Veral, Ombreiro, Orbazai e San Lázaro da Ponte, que se suman ás parroquias de Romeán, San Xoán do Alto, O Burgo, Poutomillos, Prógalo, Bacurín, Santalla de Bóveda e San Pedro Mera. O Concello organizou tamén rutas accesibles para persoas con mobilidade reducida, concretamente catro.

Estas rutas turísticas de carácter gratuíto desenvolveranse de 10:30 a 19:00 horas, de abril a outubro,  e de 10:30 a 18:00 horas, nos meses de horario de inverno e teñen como punto de saída e de regreso o treito peonil da Ronda da Muralla, á altura da porta do Bispo Aguirre. Do mesmo xeito que nas anteriores edicións, os interesados poderán inscribirse na Oficina Municipal de Turismo, con prazo límite para inscribirse fixado ás 14:00 horas do día anterior á celebración da excursión. O número máximo de excursionistas será de 35 persoas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo