A Área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo iniciou un curso de restauración de mobles na parroquia de Labio, unha proposta formativa de cara a que a veciñanza acade coñecementos que lle poidan ser utiles na súa vida cotiá.
A actividade céntrase na aprendizaxe de técnicas básicas orientadas á recuperación e conservación de mobles. O programa aborda contidos como a preparación de superficies, o lixado, a reparación de pequenos desperfectos e a aplicación de diferentes acabados. A metodoloxía combina explicacións teóricas con sesións prácticas, permitindo ás persoas asistentes aplicar os coñecementos adquiridos durante o desenvolvemento do curso.
Desde a área organizadora sublíñase tamén a dimensión social da iniciativa, ao considerarse que este tipo de actividades, ademais de ofrecer formación específica, favorecen a creación de espazos de encontro e contribúen ao fortalecemento da convivencia nas parroquias, así como á promoción da participación activa da comunidade.
Esta acción enmárcase na programación formativa que o Concello impulsa ao longo do ano co obxectivo de dinamizar a vida nas distintas parroquias do municipio e facilitar á cidadanía o acceso a novas oportunidades de aprendizaxe.






