A estela restaurada de Cerecivs xa se  pode ver na Sala dos Mosaicos do Museo

Unha nova peza restaurada neste caso a estela funeraria de Cerecivs ven de ser presentada no Museo Provincial. A peza, reconstruída a partir dos fragmentos achados en 1998 durante os traballos de limpeza e posta en valor da muralla romana, exponse na Sala dos Mosaicos, canda outras mostras da epigrafía romana de Lucus Augusti.

 Un dos fenómenos máis destacados da epigrafía romana de Lucus Augusti é a aparición dun elevado número de epígrafes reutilizados como elementos de recheo no núcleo da muralla romana, motivada, polo menos, por tres razóns: a súa construción tiña precedencia sobre o núcleo urbano nun momento de inestabilidade política e económica; o seu contorno inclúe novos sectores urbanos e, polo tanto, engloba zonas construídas residenciais, ámbitos laborais (incluídos obradoiros oleiros) e funerarios (necrópoles) dispostos na periferia urbana; e/ou, finalmente,  pola economía de traballo na que interesa o aproveitamento de todo material susceptible de formar o recheo da muralla nos devanditos ámbitos afectados pola construción amurada. Deste xeito, a muralla convértese nunha singular “canteira” epigráfica, con mostras unhas veces incluídas nos paramentos á vista e outras como parte do recheo.

Un bo exemplo diso son os achados realizados, en 1998, durante os traballos de limpeza e posta en valor da muralla romana de Lugo entre os cubos 54 a 60, 61 e 62 no flanco SE do seu perímetro. Concretamente, no tramo dos cubos 58 e 59, localizáronse un esqueleto, dúas estelas bifrontes, as chamadas de Hércules e a Loba Capitolina, así como outras dúas de cabeceira redondeada, dunha apenas tres fragmentos e a outra esta, que ven de presentarse, (Epi76) denominada de Cerecius, por ser o nome do defunto que aparece inscrito na estela, foi depositada daquela, pola Xunta de Galicia no MPL.

A estela Cerecius constitúe un exemplo das máis temperás manifestacións epigráficas do Lugo romano, monólitos fundacionais aparte, dentro da serie tipolóxica dos ronseis de cabeceira redondeada, xunto coa de Crecente (San Pedro de Mera, Lugo) tamén exposta no MPL, conxunto que podemos datar a mediados da primeira centuria, do que se pode inferir a existencia dun obradoiro epigráfico moi serodio á vez que unha rápida aceptación dos modos culturais, funerarios neste caso, e lingüísticos pola utilización do latín.

Neste contexto, o estela de Crecente destaca pola figuración á moda romana pero a antroponimia e a origo, indicación de procedencia, de carácter indíxena, sendo o caso invertido a de Cericius, con antroponimia substancialmente romana pero con decoración indíxena.

Polo demais, o formulario, o ductus e a ordenación da de Cericius presenta algunhas singularidades que poden relacionarse, quizais, coa aínda non ben asimilada romanización latina local.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com