A exposición «Mulleres de Gaza», das artistas palestinas Nour e Anwar Abu Rayan, inaugurouse onte á tarde no Pazo de San Marcos, en Lugo. A mostra reúne vinte pinturas que poderán verse nos corredores do edificio ata o 28 de outubro.
Os cadros representan escenas da vida cotiá de mulleres en Gaza e abordan as consecuencias da violencia, a perda e o desprazamento sobre a poboación civil. As irmás Abu Rayan elaboraron as obras desde Cisxordania, onde viviron en primeira persoa outras situacións de violencia. A través da pintura, achegan a súa visión das experiencias das mulleres da Franxa.
A mostra chega a Lugo da man da Coordinadora Galega de ONGD, coa colaboración de Asemblea de Cooperación pola Paz e da súa entidade colaboradora nos territorios palestinos, o Psychosocial Counseling Center for Women (PSCCW). Estas dúas organizacións custodian a obra das artistas e facilitaron a súa exhibición.
O PSCCW traballa con mulleres e familias afectadas pola violencia e pola vulneración de dereitos. Asemblea de Cooperación pola Paz desenvolve iniciativas de cooperación e apoio á poboación civil, mentres que a Coordinadora Galega de ONGD agrupa organizacións dedicadas á cooperación para o desenvolvemento en Galicia.






