A intérprete lucense logra o recoñecemento polo seu traballo no primeiro filme de ficción de Eloy Domínguez Serén, que terá a súa estrea galega o 18 de novembro en Cineuropa
A actriz lucense Melania Cruz foi distinguida co premio á mellor actriz no Festival de Cine Europeo de Sevilla polo seu traballo en Tralovento, o primeiro filme de ficción do director Eloy Domínguez Serén, co que tamén participou na escrita do guión xunto a Meritxell Colell.
A película formou parte da sección oficial do certame sevillano, no que a intérprete conseguiu un dos principais recoñecementos da competición. Cruz recibiu a noticia onte, cando estaba aterrando en Madrid, e recoñeceu que a colleu completamente por sorpresa. «Quedei sorprendida, case en estado de shock», explicou ao coñecer o fallo do xurado.
A actriz expresou a súa satisfacción por este galardón, que cualificou como «unha ledicia enorme». Segundo recoñeceu, tendo en conta a calidade das películas e das intérpretes que participaban no festival, conseguir o premio era algo que consideraba «inimaxinable».
Tralovento prepara agora a súa chegada ás pantallas galegas. En Lugo Codex Cinema estreará o filme que, en pricipio, está programado para o 29 de xaneiro.
O premio supón un novo recoñecemento á traxectoria de Melania Cruz, actriz lucense cunha ampla presenza no ámbito escénico e audiovisual galego, e sitúa a produción de Eloy Domínguez Serén entre os títulos destacados da actual edición do festival sevillano.






