Lugo fixa criterios para regularizar as altas de auga e impulsa novos usos para edificios e locais municipais

A Xunta de Goberno Local aproba tamén o programa Lugo Aluga, a rehabilitación dun inmoble da praza do Ferrol para uso hoteleiro e a licitación de novas infraestruturas e servizos.

A Xunta de Goberno Local aprobou unha instrución para establecer criterios sobre a regularización das altas e dos consumos de auga en inmobles que carecen de primeira ocupación, con procedementos diferentes en función da situación urbanística de cada vivenda.

Entre os acordos adoptados figura tamén a aprobación do proxecto de ordenanza do programa Lugo Aluga, destinado a incorporar vivendas baleiras ao mercado do alugueiro a prezos accesibles. A proposta establece unha renda de referencia de 700 euros mensuais para unha persoa, con incrementos segundo o número de conviventes, e contempla axudas de ata 900 euros iniciais para as persoas propietarias. A primeira convocatoria está prevista para 2027, aínda que a ordenanza deberá pasar polo Pleno municipal.

No ámbito da actividade económica, aprobáronse as bases para alugar dous locais municipais na Tinería, de 18,90 e 50,24 metros cadrados, con rendas mensuais de 18,90 e 72,65 euros, respectivamente. A finalidade é favorecer a implantación de negocios e contribuír á dinamización da zona.

A reunión autorizou tamén a rehabilitación integral dos edificios dos números 12 e 13 da praza do Ferrol para a súa transformación nun hotel de dúas estrelas, con capacidade para 43 prazas. O investimento previsto ascende a 705.882 euros e o prazo de execución estimado é de 36 meses.

Outros acordos inclúen a adxudicación dunha vivenda adaptada na Casa Domótica, a contratación da primeira fase do Centro Deportivo Municipal de San Fiz, cun orzamento de 1,81 millóns de euros, e a instalación de nove novas marquesiñas nas parroquias e en distintos puntos da cidade.

Ademais, aprobouse a contratación do servizo de vixilancia dos sete centros de convivencia e do Centro Interxeracional Paco Martín por un importe de 504.072 euros para un período inicial de 18 meses, así como a adhesión a un convenio para a xestión e reciclaxe dos residuos de envases lixeiros e papel e cartón.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com