A gala solidaria Diez Raz10nes entrega ao Hula 9000€ para un parque terapeutico e outro tanto a Alume Saúde Mental

A iniciativa gastronómica repartiu os fondos entre un programa de acompañamento a persoas maiores con trastorno mental grave e a creación dun parque terapéutico no HULA.

A gala solidaria Diez Raz10nes, celebrada o pasado 16 de maio en Lugo, recadou máis de 18.000 euros destinados a apoiar dous proxectos sociais e sanitarios da provincia. A cantidade obtida repartiuse a partes iguais entre as dúas iniciativas beneficiarias, que recibiron cadanseu cheque de 9.087 euros nun acto de entrega celebrado este luns.

O evento, que contou co patrocinio principal da Xunta de Galicia, reuniu no Círculo das Artes profesionais da gastronomía lucense e galega nunha convocatoria destinada a vincular a actividade culinaria coa colaboración social.

Unha parte da recadación financiará o programa Menos soidade, máis vida, impulsado por Alume Saúde Mental. A iniciativa está dirixida a persoas maiores de 60 anos con trastorno mental grave e busca reforzar os apoios para mellorar o seu benestar, autonomía e participación social, facendo especial fincapé na prevención da soidade.

A outra metade destinarase a Murallalandia, un proxecto da área de humanización do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) que pretende crear un parque terapéutico, inclusivo e cultural no contorno da hospitalización pediátrica. O obxectivo é ofrecer aos nenos e nenas ingresados un espazo que contribúa á súa recuperación física e emocional e faga máis acolledora a súa estancia hospitalaria.

Esta segunda edición da gala estivo promovida por varias empresas e entidades vinculadas á comunicación e á restauración, coa participación de cociñeiros e cociñeiras da provincia e doutras zonas de Galicia. O resultado económico permite dar continuidade a dous proxectos con ámbitos de actuación diferentes, pero cun obxectivo común: mellorar a calidade de vida de colectivos que precisan atención e apoio.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com