Darío Campos aberto a modificar o orzamento e Ferreiro pechado ante as “liñas vermellas” de Martínez

As contas non saen, polo momento. O bipartito na Deputación ten 12 representantes, os mesmos que o Partido Popular. Manuel Martínez rompe os empates, e dende que foi expulsado cautelarmente do PSOE, a balanza decántase cara os populares. No medio desta situación política o Goberno Provincial traballa cun obxectivo, aprobar os orzamentos para este ano.

Polo momento xa se reuniu co grupo de Elena Candia na Xunta de Voceiros, á que foron convocados os representantes “de todos os grupos políticos”, dixo a deputada Pilar García Porto. Quedou fóra Manuel Martínez, que xa ten denunciado este feito, pero a socialista insiste en matizar que Martínez é un deputado non adscrito, que non forma grupo e por iso “non ten representación na xunta de voceiros”.

Dunha forma ou doutra o alcalde de Becerreá xa dixo aquelo de “teño un voto e vouno utilizar”, e condiciona o seu apoio aos orzamentos á inclusión dunha partida para a residencia e centro de día no seu concello. “É unha condición sine qua non, ou como se di agora, unha liña vermella”, explicou.

Pero Xosé Ferreiro, deputado nacionalista, mandoulle recado a Martínez. “Non vai haber orzamentos á carta”, dixo hoxe ao remate da Xunta de Goberno. “Facemos un orzamento para todos e cada un dos concellos da provincia, e non podemos entrar a negociar condicionantes que nos limiten e que por desviar fondos cara un concello queden os outros sen eles” asegurou.

Uns orzamentos que son “xenerosos” dixo o presidente, Darío Campos, que chamou á “responsabilidade” dos outros grupos para sacalos adiante no próximo pleno, no que confirmou que se debaterán. Campos asegurou estar aberto a facer “pequenas modificacións, que poden ser incluso boas, pero non queremos desviarnos moito do noso plantexamento inicial”.

Polo momento, Pilar García Porto xa anunciou que non corren perigo os convenios cos concellos que asinara Elena Candia durante a súa etapa á fronte da Deputación por importe de 5 millóns de euros. “Máis alá de que compartamos ou non o criterio de Candia, respetámolo, porque queremos ser rigoroso cos veciños, e non queremos utilizar unha posición política para non aportar proxectos á provincia de Lugo” manifestou a deputada socialista.

Unha continuidade cos proxectos impulsados pola alcaldesa de Mondoñedo que non contenta aos populares, que hoxe mesmo criticaron que no proxecto de orzamentos “non se inclúa o incremento no presuposto aprobado por Suplusa para o desenvolvemento de áreas industriais e a creación de novas residencias na provincia”. Candia lembra que Darío Campos fala de responsabilidade “cando é o primeiro que incumpre os acordos tomados pola maioría”. Se ningún dos grupos dá o brazo a torcer, a única saída será a prórroga das contas de 2015, algo que nin Campos nin Ferreiro descartaron.

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com