De novo o 25N

A igualdade entre mulleres e homes é un principio xurídico universal recoñecido nas lexislación dos estados democráticos. Agora ben, a distancia entre o recoñecemento formal e legal da desigualdade estrutural entre homes e mulleres e as políticas públicas encargadas de eliminar a opresión da metade da poboación é abismal. Máis alá das declaracións formais e da celebración de efemérides anuais, as mulleres
necesitamos un firme compromiso político Cada 25 de novembro as declaracións institucionais, fachadas, lazos e paraugas morados enchen as rúas fronte ó número insoportable de feminicidios e violencias .
Desde o Foro Feminista de Lugo queremos partillar as nosas inquedanzas e reflexionar qué se leva feito na nosa provincia no último ano desde as administracións máis próximas. Que fixo a Deputación? Os concellos? A Xunta de Galicia?
As entidades locais, Concellos e Deputación, teñen que asumir o compromiso na activación de políticas concretas a prol da igualdade.
De que xeito pode facelo a Deputación
– Desenvolvendo Plans de Igualdade nos Concellos da Provincia -ademais do da propia Deputación- e dotando de servizos que poidan implementar políticas concretas na zona rural da provincia.
– Contando con axentes de igualdade, persoal con formación específica que posibilite tecer unha rede de apoio provincial.
-Implementando a axenda feminista galega consistente en 25 medidas que diferentes organizacións feministas de Galicia elaboramos para presentar aos partidos políticos antes do último proceso electoral.
-Poñendo en marcha unha Escola de Igualdade na provincia de Lugo que sirva para concienciar e promover os cambios sociais necesarios así coma o coñecemento das aportacións das mulleres e do movemento feminista ao longo da historia ao igual que o fan outras Deputacións e Concellos.
Observamos con desacougo como a loita pola igualdade esta sendo ocultada e en ocasións substituída pola axenda da diversidade, mesmo con xornadas museísticas que a promoven. Non todas as reivindicacións do colectivo LGTBI son feministas.
E os Concellos e a Xunta de Galicia?
Na provincia hai 11 Centros de Información á Muller (CIMs) -practicamente todos eles de titularidade municipal, con carencias importantes e falta de persoal-. É inxustificable que en toda a comarca da Montaña non exista ningún centro de atención á vítimas de violencias machistas
deixando sen cobertura ás mulleres de Fonsagrada, Cervantes, Navia de Suarna, Pedrafita do Cebreiro, Becerreá, Triacastela agravándose a situación das posibles vítimas pola dispersión poboaciónal, o descoñecemento e a lonxanía da capitalidade de provincia.
Existe algunha avaliación a nivel autonómico de como se invisten os orzamentos do Pacto de Estado contra as violencias machistas para garantir que o seu destino responde aos fins que se pretenden?
De novo este 25 de novembro, máis alá das declaracións formais, reclamamos na nosa provincia políticas públicas por parte da Deputación, dos Concellos e da Xunta de Galicia, accións que poidan supoñer un paso adiante na eliminación da violencia contra as mulleres, atención ás vítimas ademais de impulsar na práctica as demandas que a axenda feminista propón.

Novembro 2022

Foro Feminista de Lugo
Fátima Pérez Calderón

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com