No Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller debemos expresar un ano máis nosa enorme preocupación, tamén a nosa dor, por esta aberrante lacra social que nos rodea. O momento que nos toca vivir presenta secuencialmente enormes traxedias: a COVID-19, a invasión de Ucraína, o eterno conflito palestino-israelí e outros moitos, que tantas vidas de nenos e xente indefensa están a custar. Pero a violencia contra a muller non é secuencial, senón recorrente, non é algo puntual ou agudo, senón crónico. Algo que, moi lamentablemente, forma parte das nosas vidas. É un problema estrutural que se manifesta de múltiples formas, desde a violencia física e sexual ata a violencia psicolóxica, económica ou social.
Por iso, paréceme moi necesario o simbolismo de fixar un día ao ano para recapacitar sobre o que está a pasar, acabar cos discursos negacionistas e lembrar ás vítimas. Nos últimos 20 anos, 1.237 mulleres faleceron en España como consecuencia da violencia machista, 68 delas en Galicia. Debemos ser conscientes de que estamos ante un problema transversal, que afecta a todas e debe ser afrontado por todos.
Hai mulleres maltratadas que nin sequera aprecian os malos tratos. Hai homes maltratadores que nin sequera se dan conta de que o son. A violencia non só se manifesta a golpes ou a coiteladas. Temos que aprender a distinguir correctamente a violencia psicolóxica, cuxa presencia é extensísima. Temos que traballar coa mocidade para deixar en cero ese 20 % que nega a violencia de xénero. Temos que protexer ás menores da violencia sexual, que a maioría das veces provén da súa contorna, e da violencia en liña.
En definitiva, temos que entender que é erróneo pensar que a violencia sobre a muller é algo que lle pasa a persoas alleas á nosa contorna familiar ou social. Temos que entender que esta violencia aféctanos a todos, aínda que non se queira recoñecer. E temos que entender que temos que traballar e actuar, todos os días do ano, desde a familia, a empresa, as administracións públicas, os centros escolares, en suma, desde todos os ámbitos da sociedade, para evitar futuros maltratadores e para xerar o illamento social dos maltratadores que xa o son, denunciando as súas condutas. Hoxe, 25 de novembro, como todos os días, é obrigada a condena de calquera expresión de violencia contra as mulleres e de todas e cada unha das súas manifestacións, as que se ven e as que están aínda ocultas.
José María Gómez y Díaz-Castroverde
Presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia