" />

Deputación e Concello de Monforte destinan 8.000 euros á Cruz Vermella de Lemos

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañados da Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, mantiveron este xoves un encontro con usuarios da Cruz Vermella de Monforte de Lemos.

Fixérono para coñecer de primeira man o resultado das colaboracións que os Gobernos Provincial e Municipal manteñen con dito colectivo. Estas permiten contar cunhas instalacións de calidade nas que ofrecen atención profesional, de luns a venres, a uns 500 veciños do municipio.

As axudas de 8.000 euros de Deputación e Concello á Cruz Vermella de Monforte de Lemos fan posible actuacións de mellora e acondicionamento do local que posúen no propio municipio. Estas obras, que estarán rematadas previsiblemente nas vindeiras semanas, consisten na renovación completa da rampa que da acceso ao edifico para persoas con mobilidade reducida. Estas melloras, financiadas integramente polo Goberno da Deputación, permitirán ao colectivo cumprir coa normativa vixente. O edificio conta con aulas para escolares, de formación, ocioteca, baños adaptados, salas de reunión, almacén e garaxe.

Grazas ás colaboracións dos Executivos Provincial e Municipal a Cruz Vermella de Monforte de Lemos pode prestar, a través dun traballador social, unha educadora social e un grupo de voluntarios, unha variedade de servizos, totalmente gratuítos, como o programa Atención Urxente ás necesidades básicas, ofrecendo 3 lotes de comida durante todo o ano, con produtos perecedoiros e sufragando os gastos de luz, auga e gas a 160 familias de Monforte de Lemos, que actualmente, por diferentes circunstancias, o necesitan. O colectivo tamén desenvolve obradoiros de memoria para maiores, programas de apoio escolar dirixido aos máis pequenos, cursos de formación para desempregados, servizo de  mediación laboral, de teleasistencia para os veciños que o necesiten, campamentos de verán.

Campos Conde destacou que “Deputación e Concello de Monforte de Lemos representamos a dúas institucións sumamente sociais e coas persoas onde a nosa prioridade é mellorar e dignificar a calidade de vida dos nosos veciños, sumando esforzos para atender aos lucenses que máis o necesitan, como os 500 usuarios da Cruz Vermella Monforte de  Lemos”.

Tomé Roca agradeceu a axuda do Executivo Provincial e subliñou que “o Concello de Monforte de Lemos sempre estará ao carón deste colectivo polo importante labor social que desempeña no noso municipio, por este motivo decidimos colaborar con eles para que poidan seguir desenvolvendo as súas programacións, tan necesarias, durante todo o ano”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo