Deputación e Concello de Guitiriz determinan os prazos da construción da residencia

O Executivo Provincial aprobou hoxe en Xunta de Goberno o protocolo de colaboración entre Deputación e Concello de Guitiriz para a construción dunha residencia pública na Casa da Botica. Fíxoo tras os avances acadados polo Presidente, Darío Campos Conde, e a Alcaldesa, Regina Polín, ao respecto desta iniciativa, que “o Partido Popular no municipio e na Xunta bloqueou durante os últimos 7 anos”.

Así o explicou a Alcaldesa, detallando que “entre 2011 e 2015, o Goberno municipal do PP directamente paralizou este proxecto. De xeito oficial e por escrito, rexeitouno e púxolle os impedimentos urbanísticos para non concederlle a licenza de obra municipal. De volta ao Executivo local e aos poucos días da toma de posesión de Campos Conde como Presidente da Deputación, mantivemos unha reunión de traballo, na que acordamos retomar este proxecto”.

“Para elo, en primeiro lugar tiñamos que resolver a súa situación urbanística, pois o PP deixou no Concello un informe urbanístico contrario. A alternativa na que traballamos foi tentar axilizar a aprobación do PXOM de Guitiriz coa que conseguiríamos cambiar esta situación. Pero a día de hoxe, seguimos á espera de que a Xunta de Galicia aprobe o Plan Xeral de Ordenación Municipal. Unha vez máis, o Partido Popular, neste caso dende o Goberno galego, volveu a bloquear o centro de maiores. E non só iso, tamén impediu e impide o asentamento poboacional no noso rural, posto que ao non contar co PXOM tampouco temos a necesaria delimitación dos nosos núcleos imprescindible para facer novas construcións. Ata 6 familias, polo de agora, xa tiveron que renunciar a contar con vivendas no rural de Guitiriz”, reiterou a rexedora.

“Finalmente decidimos modificar o proxecto do centro de maiores e adaptalo ás limitacións urbanísticas que deixou o PP no municipio. O proxecto completa agora a construción dunha residencia pública, pois, simultaneamente, tamén traballamos nunha nova localización para dotar ao Concello dun centro de día público, que levamos á antiga casa dos peóns camiñeiros do Perexil, que imos a rehabilitar dende o Concello”.

“Neste momento, traballamos na redacción do novo informe urbanístico correspondente ao proxecto modificado. Rematado este, temos que enviar o proxecto modificado outra vez a Patrimonio, departamento que non debería poñer ningunha traba, pois xa deu o seu visto e prace ao anterior proxecto sen ningún problema. Con todo isto, por fin poderemos aprobar no Pleno municipal a concesión da licenza de obra para iniciar a construción da residencia pública na Casa da Botica”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com