Deputación e Concello de Sarria apoian as XII Xornadas Xurídica da localidade

O presidente da Deputación, Darío Campo Conde; a Alcaldesa de Sarria, Pilar López Yáñez, e o Vicedecano do Colexio de Avogados de Lugo, Óscar Núñez-Torrón, presentaron hoxe as XII Xornadas Xurídicas Román García Varela. Trátase dunhas xornadas que se celebran, coa colaboración da Deputación e o Concello de Sarria, os días 15 e 16 de xuño, no salón de actos da Casa da Cultura de Sarria e que este ano analizarán o presente e o futuro da  Responsabilidade Civil. Están dirixidas a todo tipo de profesionais relacionados co mundo do Dereito, aínda que a asistencia é aberta a todo o público e son completamente gratuítas.

Campos Conde destacou “a importancia que ten a celebración destas xornadas polos temas que tratan e pola súa repercusión para a provincia, é un encontro que nos convirte, durante dous días, na capital xurídica de España, dado o número e relevancia dos participantes nas sesións. Ademais é de destacar o seu valor para dar a coñecer Sarria e o conxunto da provincia no resto do país, sen esquecer o impacto económico que ten a presenza aquí de centos de persoas, profesionais do mundo do Dereito, durante a celebración das xornadas”.

Pilar López remarcou “a importancia que ten para nós a elección de Sarria para a celebración destas xornadas, xa plenamente consolidadas pois este ano chegamos á duodécima edición, e nas que teremos con nós ás máis importantes autoridades do Poder Xudicial e a maxistrados, fiscais e profesores especialistas no tema da Responsabilidade civil”.

A gran relevancia que teñen as Xornadas Xurídicas, que se celebran cada mes de xuño en Sarria, queda reflectido no gran número de destacados xuristas, maxistrados, fiscais, avogados, letrados e profesores que reúnen. Nesta edición, os ponentes son especialistas no tema da responsabilidade civil, que será analizado desde distintas perspectivas, incluíndo, por exemplo, a responsabilidade das administracións, a dos pais, dos profesionais como médicos, avogados e axentes da edificación, ou a responsabilidade civil no deporte, entre outros.

A inauguración das Xornadas correrá a cargo do Presidente do Tribunal Constitucional, o Fiscal Xeral do Estado, os Presidentes da Deputación e da Xunta e a Alcaldesa de Sarria, entre outras autoridades. A clausura correrá a cargo do Presidente do Consello de Estado. A charla inaugural do Encontro correrá a cargo do Presidente do Tribunal Constitucional, Juan José González Rivas que analizará a responsabilidade civil na xurisprudencia do alto tribunal. O programa desta cita inclúe tamén tres mesas redondas nas que se analizarán diversos aspectos da responsabilidade civil, do dereito penal e dereito mercantil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com