Deputación e Concello non van permitir o recorte de titulacións do Campus Terra

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, a Alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López, o Reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, e a Vicerreitora de Coordinación do Campus de Lugo, Montserrat Valcárcel, mantiveron unha reunión de traballo, na que abordaron o plantexamento que fixo a Xunta de Galicia de eliminar importantes graos na universidade lucense.

Campos Conde e Méndez López trasladaron a súa “preocupación” ante esta posibilidade que manifestou barallar o Goberno galego debido ás consecuencias negativas que implicaría á cidade de Lugo e á provincia en xeral, tendo en conta que o Campus Terra é un revulsivo económico e un referente nacional e internacional na educación pública de excelencia. Presidente e Alcaldesa manifestaron que “non imos a permitir o recorte de titulacións”, ao tempo que expuxeron a intensa  implicación de Deputación e Concello de Lugo na universidade.

Campos Conde salientou que “Deputación, Concello de Lugo e USC sempre traballamos da man para a posta en valor do Campus Terra dentro da nosa aposta conxunta por unha educación pública, de calidade e excelencia. Mostra disto, é que hoxe mesmo asinamos un convenio para ofrecer formación sobre emprendemento e divulgación científica. Xa temos aprobado o Plan de Choque de 2019, dotado de 385.000 euros da Deputación, que nos permitirá pór en marcha novas medidas que contribúan ao incremento do alumnado e á promoción do Campus de Lugo como destino universitario”.

“O Campus é un revulsivo económico para Lugo. Os preto de 5.000 alumnos da universidade deixan 3 millóns de euros ao mes na nosa provincia co pago de alugueres, transporte, comidas, ocio… Da universidade lucense xorden grandes proxectos de investigación que son un pulo para os nosos sectores produtivos. Polo tanto, non imos a permitir nin consentir ningún tipo de recorte nas titulacións que se ofrecen na provincia. Se queren facer reestruturacións, terán que consensualas, pero recortes non”, aseverou Darío Campos.

Méndez López subliñou que “o compromiso do Concello de Lugo coa educación pública, de calidade e excelencia do noso Campus é clara. Non valoramos de ningún xeito que se fagan recortes. Lugo xa sufriu unha importante redución de titulacións, non podemos soportar máis. É un erro que a Xunta valore reducir graos que contaron sempre con moita inversión pública, recoñecemento nacional e internacional, que son as espiña dorsal do Campus Terra e dos que xurdiron e xorden grandes talentos e proxectos, que non estamos dispostos a perder”.

López Díaz puxo en valor “a constante colaboración da Deputación e do Concello de Lugo coa USC e co Campus Terra, que nunca nos cansaremos de agradecer”. O Reitor salientou que “a pesares de que se están a facer revisións de títulos, nunca se vai optar pola redución da oferta educativa no Campus de Lugo. En todo caso, reformulala para facela máis atractiva ou adaptala a posibles novas necesidades e á demanda laboral”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo