" />

Deputación e Concellos denuncian que “o PP pediu á xustiza paralizar xa a apertura de residencias”

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e os Alcaldes da Fonsagrada, Pol, Ribadeo, Trabada, Pedrafita do Cebreiro e Ribas de Sil denunciaron conxuntamente este mediodía que “o Partido Popular non quere que abran as residencias” e “está a empregar fondos públicos para tentar paralizalas de xeito inmediato, posto que presentou recursos contenciosos nos que reclaman medidas cautelares en contra dos centros, cargando isto ás arcas de SUPLUSA. Por moito que lle pese ao PP, imos a seguir coa nosa folla de ruta e co noso traballo para abrir entre abril e maio as primeiras residencias”.

Sempre que a xustiza non diga o contrario, autorizando ditas medidas cautelares, en abril e maio poderán abrir os centros de maiores de Trabada, Ribadeo, Pol e A Fonsagrada. Pois onte mesmo, arrancaron os procesos de solicitude das prazas das residencias de Trabada e Ribadeo que precisamente están a desenvolver os traballadores sociais da Deputación recentemente contratados para os centros de maiores xunto aos dos Concellos. A día de hoxe, a residencia de Trabada conta con 10 posibles usuarios e a de Ribadeo con 16. En Pol hai 15 maiores interesados e na Fonsagrada 20.

Trabada e Ribadeo conta coas prestacións de limpeza, cociña e asistencia básica contratadas. Mañá aprobarase en Xunta de Goberno estas mesmas prestacións para o centro de Pol e a semana seguinte as necesarias para o da Fonsagrada. Tamén mañá se aprobará a compra de sábanas, toallas, babeiros…é dicir, todo o material de lencería que se require. Ademais de traballadores sociais, a Deputación conta con psicólogos e ATS para as residencias. A vindeira semana, terán lugar os procesos de selección pública de terapeutas ocupacionais e fisioterapeutas, e rematarán os de administrativo, tendo deste xeito todo o persoal público da Deputación necesario para o funcionamento dos centros. Están os convenios, regulamentos e ordenanzas, así como os PIA das residencias de Trabada, Pol e Ribadeo. Agárdase que a Xunta conceda o da Fonsagrada.

“Se todo transcorre con normalidade, é dicir, se as intencións do PP fracasan e non se admiten as medidas cautelares, non hai problemas relativos ás contratacións que estamos a facer e a Xunta nos conceden o PIA da Fonsagrada, poderíamos abrir estes 4 centros entre abril e maio con 200 prazas de residencia e centro de día, facendo realidade un proxecto pioneiro, pois institucións locais poríamos a disposición dos nosos maiores servizos públicos de residencia e centro de día nas súas localidades ou Comarcas, con prioridade de acceso para lucenses e con prezos en base a súa capacidade económica para que todos, con independencia da súa situación, poidan contar con estas prestacións sociais”, explicou Campos Conde.

“Intento desesperado de xustificar que sigan pechadas”

Ante isto, o Partido Popular asegurou que a reacción que hoxe tiveron os socialistas foi un “intento desesperado de xustificar como seguen pechadas residencias inauguradas hai máis de catro anos”, un proxecto “fracasado” do PSOE. “Os socialistas esquécense que levan gobernando 11 anos e medio dos últimos doce e que son os únicos responsables de que as residencias non estean funcionando. Levan culpando ao PP doce anos cando o único responsable é o Goberno do PSOE”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo