Deputación e Mancomunidade convenian para pular polo turismo na Mariña

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, e o Presidente da Mancomunidade da Mariña, Alfredo Llano García, asinaron esta mañá un convenio de colaboración de 25.000 euros para continuar desenvolvendo proxectos de impulso turístico da mariña lucense.

Campos Conde destacou que “como Presidente da Deputación, pero sobre todo como veciño dun Concello da Mariña, é un orgullo para min estar hoxe aquí, reafirmando o meu compromiso é o do Goberno Provincial con esta Comarca, mediante a sinatura dun novo convenio coa Mancomunidade. Estes fondos da Deputación permitirán desenvolver novos proxectos e actividades de impulso e promoción turística que beneficien aos 16 Concellos da comarca mariñana e, polo tanto, á provincia de Lugo”.

Neste senso, o Presidente subliñou que “aínda que non temos as competencias directas no eido turístico, apostamos polo mesmo e cremos nas súas potencialidades para xerar riqueza e emprego na nosa provincia. O que pretendemos con esta nova colaboración é poñer en valor as nosas potencialidades, dalas a coñecer, e contribuír a que cada vez máis turistas nos veñan a visitar, pois estou seguro de que quedarán con ganas de repetir en futuras ocasións, porque a Mariña Lucense é máxica por natureza”.

Llano García, que agradeceu esta colaboración da Deputación, explicou que “permítenos continuar promovendo turisticamente a mariña lucense a través de accións que nos axuden a impulsar e desestacionalizar a afluencia de visitantes, co fin de conseguir que o fluxo de turistas se estabilice durante o ano”.

A seguinte iniciativa que se desenvolverá, que está en período de deseño, é previsiblemente a elaboración de distintos roteiros e rutas de sendeirismo polos Concello que integran a comarca da mariña, co fin de poñer en valor diferentes puntos turísticos que, ás veces, son descoñecidos para o visitante, pero tamén para os propios veciños.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com