A Deputación esixe investimentos nas infraestruturas do Estado

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou este martes por unanimidade a moción presentada polo Goberno Provincial para reclamar ao Estado e ao Ministerio de Fomento que execute melloras na rede ferroviaria e de estradas na provincia de Lugo. Na mesma sesión, o Goberno provincial destacou que mentres o Estado “escatima” fondos para as infraestruturas de comunicación da provincia de Lugo, “o Goberno da Deputación inviste 42,5 millóns de euros, dende o ano 2015 ao 2018, na rede provincial”.

O acordo tomado pola Corporación provincial a proposta do Grupo de Goberno inclúe a medida de instar ao Ministerio de Fomento a que aprobe un Plan de Mellora Integral das estradas de titularidade Estatal ao seu paso pola provincia de Lugo, a mellora do incremento dos servizos de tren de media distancia con orixe e destino Lugo, así como a execución do “Plan de Refuerzo” deseñado por Renfe e a execución de inversións suficientes para a modernización do tren e infraestruturas ferroviarias no territorio lucense.

A moción tamén pedía esixir a Fomento que, no prazo de 6 meses, elabore unha planificación especificando actuacións, prazos e orzamento para rematar as autovías pendentes, a conexión de alta velocidade e a estación Intermodal de Lugo.

Campos Conde subliñou que “nos últimos días o Ministerio anunciou que ía destinar 2,8 millóns de euros para o arranxo de estradas na provincia, o que nos parece unha insignificancia. É unha incongruencia que o PP nos pida a nós que acheguemos fondos de remanentes para o arranxo de viais cando levamos investido dende hai tres anos máis de 42 millóns de euros en estradas. Trátase dunha nova incongruencia do PP, pois sen ir máis lonxe, no Congreso dos Deputados aprobouse unha proposición non de lei impulsada polo PSOE para que se arranxaran as infraestruturas na provincia de Lugo, cos votos en contra do PP”.

O PP critica que non haxa máis fondos

O Grupo Provincial do Partido Popular, pola súa banda, pedía esta mañá en Pleno que a Deputación incrementase a contía que nos Orzamentos se dirixe á conservación da rede viaria provincial e que sufriu neste 2018 un recorte de 400.000  euros. En concreto, a voceira dos populares Elena Candia, explicou en sesión plenaria que dun xeito “conciso e coherente propoñemos que se dirixan os primeiros remanentes que se xeren no exercicio anterior e que non estean comprometidos a aumentar esta achega económica á conservación”. A iniciativa popular foi rexeitada polos grupos do PSOE e do BNG polo que a voceira criticou que os socialistas se “poñan de  perfil ante unha demanda trasladada polos veciños e da súa competencia aos que só escoitan polo oído esquerdo cando lles interesa”. “O secretario xeral do PSOE ten máis baches que reparar que os das estradas provinciais”, lamentou Candia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com