A Deputación ofrece unha nova edición do Campus de Emprendemento

O Deputado de Medio Ambiente, Argelio Fernández Queipo, adiantou esta mañá que o Goberno Provincial decidiu pór en marcha a quinta edición do Campus de Emprendemento Sostible tendo en conta o éxito acadado coas anteriores convocatorias, pois motivaron a xeración ata o momento (mentres se continúa co asesoramento para o desenvolvemento doutros proxectos empresariais) de 21 novas empresas na provincia e, polo tanto, de novos postos de traballo no conxunto do territorio lugués.

Fernández Queipo explicou que a través do Campus de Emprendemento Sostible o Executivo da Deputación ofrece gratuitamente a todos os lucenses formación, asesoramento individualizado e coñecemento in situ sobre iniciativas empresariais exitosas, con visitas ás mesmas e encontros cos emprendedores, co obxectivo de poñer en marcha os seus propios establecementos en calquera dos 29 Concellos que integran as Reservas da Biosfera Terras do Miño e Os Ancares Lucenses. “Deste xeito, tamén contribuímos á posta en valor destes espazos naturais, á promocións das súas oportunidades económicas e a facer fronte ao despoboamento demográfico”, engadiu.

O Deputado adiantou que mañá mesmo, 16 de febreiro, se abre o prazo de solicitude do Campus. Hai 40 prazas. Os interesados poden inscribirse ata o 5 de marzo no espazo que estará habilitado en www.deputacionlugo.gal. Poderán participar en calquera dos dous Campus, cuxas clases formativas se impartirán no Centro de Interpretación, situado no Paseo do Río Rato, na capital lucense.

O primeiro dos Campus, de Motivación Empresarial, terá lugar entre o 6 e o  9 de marzo dedicando o último día a visitas ás empresas. Neste curso abordaranse os elementos principais a ter en conta á hora de abrir unha empresa , as oportunidades de negocio nas provincias ou os proxectos exitosos postos en marcha. Despois , do 12 ao 15 marzo, no campus de Maduración Empresarial se traballará a maduración da idea empresarial de cada participante, analizando a viabilidade comercial, técnica e legar a través da metodoloxía Canvas, o enfoque medioambiental ou a viabilidade económico financieira a 5 anos.

O V Campus de Emprendemento Sostible tamén inclúe formación gratuíta e in situ sobre as posibilidades de emprender aos estudantes dos 3 centros públicos da provincia que ofrecen ensinanzas superiores sobre produción agropecuaria, xestión forestal e do medio ambiente. Trátanse do IES San Rosendo de Mondoñedo, IES Trapero Pardo en Castro de Rei e CFEA Alta Montaña. Son 80 os alumnos que participan. Así mesmo, por primeira vez, tamén se quixo levar esta formación a outros 46 estudantes de Secundaria para sensibilizalos co emprendemento. Neste caso, levase aos IES de Becerreá e aos CEIP de Navia de Suarna. Queipo Fernández participou hoxe, xunto ao Alcalde de Navia de Suarna, José Fernández, na clase formativa que se desenvolveu no centro escolar deste Concello.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com