A Deputación presenta o libro “Cancioneiro Antropolóxico, Quiroga, Ribas do Sil, Montañas do Lor” de Xosé Lois Foxo

O Deputado Provincial, Pablo Rivera Capón, presentou este xoves no CENTRAD da Deputación o libro Cancioneiro Antropolóxico, Quiroga, Ribas do Sil, Montañas do Lor do escritor lucense Xosé Lois Foxo. Fíxoo xunto ao xornalista Xulio Xiz, o escritor Ricardo Locay Aira, e o xornalista Paco Rivera.

Rivera Capón sinalou que “este volume contribúe á divulgación e recuperación do noso patrimonio inmaterial, pois o grande traballo que realizou este veciño do Courel déixanos un legado incuestionable a prol da nosa cultura, ademais de ser un referente para os estudosos da musicoloxía galega”. Ao rematar a presentación, a cantora de seitura e veciña de Quiroga, Argentina Rodríguez Pardo, interpretou varias cantigas tradicionais galegas que están incluídas dentro do libro.

Cancioneiro Antropolóxico, Quiroga, Ribas do Sil Montañas do Lor

Este volume é un resume do extenso traballo de recollida do autor a máis de 300 persoas da comarca, que lle transmitiron as cantigas que forman parte da tradición oral desta comunidade. O libro contén un estudo antropolóxico, literatura de cordel, perfil dos informantes, creación apócrifa, fontes de información, transferencias e tradición, vínculos xenéticos, historiografía dos gaiteiros, documentación fotográfica, 4 CDs de audios, un DVD, e 500 cantigas.

En total, son catro horas de cantares populares e breves conversas coas persoas que os interpretan. A edición complétase cun DVD de sesenta minutos de gravacións no que se reproducen con imaxe e son as actuacións de varios intérpretes. O libro, de 570 páxinas, recolle as letras e partituras de numerosas pezas populares de diferentes xéneros, entre elas destacan polo seu número os cantares de Reis, dos que hai cerca de setenta. A obra tamén reúne cantares de seitura, de pastores ou romances, entre outras variantes. A este extenso acervo súmanse diversas pezas instrumentais que se encadran en xéneros tradicionais como a muiñeira. O libro ofrece ademais diversas informacións de carácter etnográfico e histórico sobre as tradicións musicais destes municipios.

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo