A Deputación reúnese coa Asociación Jóvenes Empresarios para definir as accións formativas do LUGOWORK

A Deputación de Lugo celebrou este luns unha mesa sectorial coa Asociación Jóvenes Empresarios (AJE) para definir novas accións formativas do LUGOWORK, o primeiro plan de emprego xuvenil participativo da provincia. Esta programación está dotada de 2 millóns de euros, que o organismo provincial foi capaz de captar da Unión Europea a través da Escola de Organización Industrial. Ofrecerá a un mínimo de 300 mozos lucenses no paro formación sobre os nichos de emprego, que precisamente están a definir Deputación e sectores produtivos. Logo da formación, concederanse axudas económicas para a contratación dos rapaces en empresas da provincia ou para a apertura dos seus propios negocios.

No encontro de hoxe con AJE, ademais de técnicos provinciais, estivo o Deputado de Participación Cidadá e Transparencia, Pablo Rivera Capón, que avanzou que “este colectivo demanda formación sobre o ámbito comercial, o uso de ferramentas de produtividade empresarial, como as relacionadas coa contabilidade, así como sobre técnicas para o seguemento e fidelización do público”.

AJE subliñou tamén a importancia da formación dos profesionais en novas tecnoloxías, sobre todo no ámbito das redes sociais “clave para conseguir un maior rendemento empresarial. O máis importante non é ter un grande coñecemento na materia, senón ser proactivo e implicarse á hora de aprender novas técnicas e recursos”.

Mañá martes, día 10 de maio, terá lugar o encontro coa Asociación Galega de Empresas de Tecnoloxías de Información e Comunicación (AGESTIC); e o xoves, día 12 de maio, coa Asociación de Transformación da Madeira. Rivera Capón animou a todos os empresarios a facer as súas propostas, que tamén se poden trasladar directamente dende internet, en www.deputacionlugo.gal.

En xuño, Deputación e EOI teñen previsto presentar a programación das accións formativas do LUGOWORK.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com