Desvío do tráfico na LU-651 durante as vindeiras dúas semanas

Os traballos de estabilización dun noiro na estrada autonómica LU-651 ao paso polo concello de Folgoso do Courel farán necesario o desvío do tráfico pesado desde este luns día 13 e a ata o vindeiro 24 de febreiro.

A razón deste desvío está determinada polas distintas intervencións de emerxencia para a estabilización de muros e de noiros danados polos últimos temporais en catro puntos quilométricos desta estrada autonómica LU-651, que se corresponden cos quilómetros: 18+100, 28+500, 29+120 e 29+500. As intervencións suporán un investimento autonómico de máis de 230.000 euros.

En concreto, o luns comezarán as obras no quilómetro 29+120 no que recentemente se produciu un desprendemento do noiro de terraplén que afectou á plataforma da estrada, causando o estreitamento do carril dereito ao afundirse parte do firme. As obras que se van levar a cabo consisten na execución dun muro de dique para o sostemento da plataforma, a reposición do firme e dos sistemas de contención da estrada.

A duración desta intervención estímase en dúas semanas, desde este luns e ata o vindeiro 24 de febreiro. Deste xeito, durante o tempo de execución dos traballos estará habilitado o un desvío para o tráfico pesado, mentres que para o resto de vehículos facilitarase o paso alternativo.

A Xunta ten tamén pechada a planificación das actuacións do resto de puntos da estrada LU-651 afectados polo temporal dos pasados meses, tendo previsto iniciar ao remate desta primeira intervención, as obras de estabilización no punto quilométrico 28+500. Neste caso os traballos consistirán na execución dun muro de dique, para o que tamén será necesario outro corte de estrada durante a intervención.

Con respecto ás actuacións nos quilómetros 18+100 e 29+500, a obra de estabilización xa está terminada no punto quilométrico 29+500 e só están pendentes os traballos de recubrimento do noiro con malla no quilómetro 18+100.

 

 

 

 

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com