Varios indicativos da Unidade Territorial de Policía de Barrio procederon, en datas pasadas, á detención de dous varóns como presuntos autores dun delito de roubo con forza nas cousas, tras seren sorprendidos en posesión de dous televisores subtraídos do interior dun camión estacionado na avenida Benigno Rivera.
Os feitos producíronse en horario de tarde, cando a Sala do 092 recibiu varias chamadas cidadás alertando dun posible roubo en curso. Grazas á rápida intervención das patrullas e á colaboración das testemuñas, os axentes lograron localizar os sospeitosos nas inmediacións do lugar dos feitos, xunto ás dúas televisións que foran extraídas do vehículo.
Tras entrevistarse coas testemuñas e recompilar os datos da persoa titular do vehículo afectado, os axentes comprobaron que o camión presentaba sinais de manipulación da plataforma elevadora traseira, mecanismo que fora forzado para acceder ao interior. As televisións están valoradas en máis de 1.500 euros e foron recuperadas íntegras e devoltas ao seu lexítimo propietario.
Ademais, no momento da intervención, un dos detidos portaba unha mochila con 15 quilogramos de cobre pelado, sobre cuxa procedencia se están a realizar as xestións correspondentes.
Ambos os individuos foron informados verbalmente dos seus dereitos como detidos, valorados por persoal sanitario no PAC e trasladados a dependencias policiais, onde quedaron á disposición xudicial.
Esta actuación pon de manifesto, unha vez máis, a importancia da colaboración cidadá na detección de feitos delituosos, así como a eficacia operativa dos dispositivos policiais despregados na zona industrial de Lugo, onde se mantén unha vixilancia activa para a prevención de roubos e danos a vehículos e mercadorías.






