O Secretario Xeral do PSOE na Provincia de Lugo, Álvaro Santos Ramos, anunciou esta mañá a súa decisión de dimitir deste cargo por “cuestións políticas”. Estas cuestións poden deberse a certos desacordos que se viñan dando nos últimos tempos coa dirección autonómica do partido ao continuar aopiando a investidura de Darío Campos como presidente da Deputación de Lugo, fronte a do alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé, quen tomou a decisión de postularse a dirixir o Executivo Provincial esta lexislatura.
Santos Ramos reivindicou a “lealdade, compromiso e traballo” cos que actuou “sempre” dende o seu cargo de secretario provincial, que ostenta desde finais de 2017. De todos xeitos, o socialista admitiu o que xa se viña sabendo nos últimos meses e é que “non hai boas relacións coa dirección galega” do Partido. Con esta decisión, Santos Ramos espera “non ser un problema” á hora de que Darío Campos ocupe o sillón presidencial da Deputación.
E, xunto ao secretario provincial, cesa toda a executiva dos socialistas de Lugo, obrigando así, á dirección galega, a pór unha xestora, que será quen deba propoñer a listaxe de deputados provinciais así como o presidente da Deputación.
O dirixente socialista manterá a súa acta de concelleiro no Concello de Lugo, onde é o número dous da lista socialista.