A Directora de Recursos Humanos renuncia ante as presións para suprimir o cargo

Ana Sáez Mancebo, a directora xeral de Recursos Humanos do Concello de Lugo, presentou hoxe a súa renuncia “ante as presións do Partido Popular” de suprimir o que tildan de cargo político. Así o deu a coñecer a alcaldesa, Lara Méndez, arroupada polo seu equipo, que criticou non só as presións do PP senón tamén as “falacias, difamacións e mentiras” que, dixeron os populares “pola única razón de obter rédito político”.

A rexedora lamentou o cese da traballadora con máis de 30 anos ao servizo do Concello e asegurou que non vai suprimir o cargo, senón que buscará un novo traballador para ocupar esa praza que considerou “necesaria”.

Lara Méndez, manifestou con contundencia que non vai consentir “o desprestixio do Partido Popular nin ao Concello, nin aos seus traballadores nin aos 98.000 lucenses”. Fíxoo ante “a escalada de mentiras, difamacións e ataques por parte do Grupo Municipal do Partido Popular ao Concello como institución, onde chegaron a un punto intolerable coas gravísimas manifestacións de días pasados sobre o posto da Dirección Xeral de Recursos Humanos”, nas que mesmo acusaron á propia rexedora de delitos penais.

“Co único fin de intentar sacar rédito electoral e desgastar ao Goberno, sexa como sexa, a toda costa, o Partido Popular sementa a dúbida e desacredita todas e cada unha das actuacións do Concello, e o que é máis grave, o labor e a profesionalidade dos traballadores municipais, dos funcionarios da Casa, mostrando especial saña sobre todo cara os que lles resultan incómodos”, destacou Méndez, quen lembrou a falta de proxecto do PP para a cidade, exemplarizándoo nas propostas que levaron ao último Pleno,”e a súa vergoñenta ausencia de compromiso coas débedas históricas de Lugo”.

“Os lucenses nunca viron e me temo que nunca verán ao Grupo Municipal do PP pedindo Hemodinámica –aínda que agora se traten de subir ao carro-, a Ronda Leste, a reactivación dos plans da Tinería e Paradai, a revitalización da Residencia, a estación intermodal, un centro da terceira idade…”, exemplificoou a rexedora.

“Difama que algo queda”. Así definiu o Goberno a forma de actuar do PP, cuxo único obxectivo, segundoa a alcaldesa, é danar e desgastar ao Concello como institución, lanzando, primeiro sen fundamento xurídico algún, nada menos que acusacións de prevaricación e malversación en relación ao posto da Dirección de Recursos Humanos e despois, ao día seguinte, dixeron que ían consultar coa súa asesoría xurídica sobre a posibilidade deses delitos.

A Alcaldesa, quen avanzou que o Concello, “actuando, coma sempre, con seriedade, rigor e responsabilidade”, pediu dous informes técnicos sobre este asunto, un á Secretaría de Pleno e outro á Asesoría Xurídica do Concello, nos que se apoio para “desmontar unha a unha todas as mentiras” que lanzou o Grupo Municipal do PP contra a institución local luguesa.

A rexedora fixo referencia á competencia para crear ou sumprimir este posto que, segundo os populares é do Pleno, mentres que a Lei de Bases de Réxime Local di que o Pleno establece a regulación xeral da organización administrativa e prevé a existencia de órganos directivos pero a facultade de determinar en cada caso a existencia destes órganos é unha competencia executiva e organizativa da Alcaldía. A rexedora tamén desmentiu que se trate dun cargo político, ou que manter este posto poda supoñer ningún tipo de delito.

“A baixeza e falacias do PP teñen consecuencias, pois a Directora Xeral de Recursos Humanos presentou este luns o seu cese, unha funcionaria con máis de 30 anos de traxectoria que demostrou que ela soa ten máis vocación de servizo público que todos os concelleiros do Partido Popular xuntos”, lamentou e criticou Lara Méndez, quen clamou ao PP que deixe de bloquear á cidade.

“Basta xa de mentiras e difamacións, basta xa de sementar dúbidas, basta xa de desprestixiar a esta institución e aos seus traballadores. Non imos permitir que 9 persoas traten de bloquear o avance de 98.134 lucenses”, concluíu a Alcaldesa de Lugo, que asegurou que “un partido non pode aspirar a gobernar unha cidade menosprezando e desprestixiando á institución que a representa e aos seus traballadores”.

“A alcaldesa está nerviosa e é normal”

Doutra banda, contestaba o voceiro popular, Antonio Ameijide á rexedora e asegurou que é “normal” o “nerviosismo” da alcaldesa cando ten que ir a declara por “uns feitos similares aos que denunciamos no PP”. Para Ameijide, un cargo creado polo Pleno só pode ser eliminado polo mesmo órgano e  criticou duramente o salario que estaba a percibir a traballadora, pois para os populares “ningún cargo político debe cobrar máis de 5.000 euros”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com