Segundo o informe técnico presentado por Ecoloxistas en Acción, “os 13 aeroxeradores a instalar provocarán a descontextualización do patrimonio cultural e un impacto visual e paisaxístico irreparable”. Neste senso, a afección para a vía histórico-cultural do Camiño de Santiago considérase “inasumible, xa que dende os 700 metros de altitude na que se pretenden situar as liñas de aeroxeradores a vista alcanzará non só ao Camiño Primitivo senón que chegará a observarse dende Lugo e a súa muralla romana, Patrimonio da Humanidade”.
Esta situación, prosigue o informe, “determina un dano irreparable para a a cidade, condicionando a visibilidade da súa contorna inmediata e deixando en papel mollado o estipulado no Convenio Europeo da Paisaxe (Florencia, 2000), que sinala que este desempeña un papel importante de interese xeral nos campos cultural, ecolóxico, ambiental e social, constituíndo ademais un recurso favorable para a actividade económica xa que a súa correcta protección e a dos seus valores e áreas de influencia pode contribuír á creación de emprego.
Afectación directa ao Camiño Primitivo
Segundo Ecoloxistas en Acción, cómpre tamén destacar que o Camiño Primitivo a Santiago transcorre a escasos metros ao norte dos aeroxeradores máis próximos (máquinas 1 á 9) e un amplo tramo atravesa a poligonal do parque eólico Picato.
Estamos a falar dunha das rutas do Camiño do Norte, a ruta de interior, a cal ten o máximo recoñecemento patrimonial ao estar incluída na lista de Patrimonio Mundial da Unesco dende o 2015, polo que segundo o punto 1 do artigo 75 incluido no Título VI da Lei 5/2016 do 4 de maio, de Patrimonio Cultural de Galicia ten a consideración de Ben de Interese Cultural (BIC).
Ante isto resulta incomprensible que “debido a esta gravísima afección Naturgy, como empresa promotora, non aporte ningún estudo de expertos no Camiño de Santiago que de maneira imparcial acredite que o impacto deste proxecto enerxético non terá unha grave afectación sobre a Ruta Xacobea”.
Nesta liña Ecoloxistas en Acción Galiza considera imprescindible que “calquera decisión da Administración galega que impacte sobre o valor histórico e sobre o futuro do Camiño de Santiago sexa respaldada por especialistas de maneira profesional e independente”.