Educación, Sanidade e Deporte asinan en Friol unha alianza estratéxica para loitar contra a obesidade infantil

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar Tojo, o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, asinaron na mañá de hoxe un convenio de colaboración entre os tres departamentos que impulsa unha alianza estratéxica para loitar contra a obesidade infantil e promover estilos de vida activa saudables nos escolares galegos dos centros participantes nos Proxectos de Vida Activa – Rede de Centros Activos e Saudables a través da plataforma DAFIS (Datos de Actividade Física Saudable), desenvolvidos ao amparo do Plan de Fomento de Actividade Física ‘Galicia Saudable’. O acto tamén contou coa presenza do delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Manuel Corredoira López e do alcalde de Friol, José Ángel Santos.

O Plan Galicia Saudable nace en 2012 para facer fronte a un dos grandes desafíos da saúde pública de comezos do século XXI, o aumento das mortes, enfermidades e discapacidades provocadas polo sedentarismo e a práctica insuficiente de actividade física. Dentro do seu amplo abano de ferramentas e plataformas orientadas a esta fin destaca DAFIS como un protocolo de valoración da condición física relacionada coa saúde do alumnado. A Organización Mundial da Saúde, a través da súa oficina europea, seleccionou o programa en 2018 como o mellor exemplo nacional de boas prácticas para a promoción da actividade física no ámbito escolar.

A Secretaría Xeral para o Deporte, a través da Fundación Deporte Galego, é a responsable da xestión da plataforma DAFIS que, desde o primeiro curso no que se puxo en marcha (2012/2013), contou coa participación de 141 centros educativos de 73 concellos. En total realizáronse 26.606 valoracións de condición física saudable a 15.651 alumnos e  alumnas de 6-16 anos que inclúen datos de IMC, perímetros de cintura e cadeira.

A tenor do convenio asinado hoxe acádase a integración dun traballo común entre profesores e pediatras a través de DAFIS. Os centros educativos participantes no programa valorarán e recollerán os datos de condición física saudable dos seus alumnos e alumnas na plataforma DAFIS. Pola súa banda, o Servizo Galego de Saúde (Sergas) poderá acceder a esta plataforma para contribuír ás valoracións efectuadas. Deste xeito, o persoal facultativo e de enfermería poderá emitir informes de recomendacións individuais que estarán accesibles na ferramenta interactiva e-saúde e que poderán ser achegados ao profesorado dos centros de ensino telematicamente.

O acto de sinatura rematou coa realización dalgunhas probas DAFIS no pavillón polideportivo do centro a algúns dos 150 nenos e nenas asistentes. A presentación e sinatura do convenio celebrouse no CPI Doutor López Suárez por ser un centro pioneiro tanto na plataforma DAFIS como na cesión dos datos ao Servizo Galego de Saúde. Desde a súa adhesión ao programa, o centro acadou o retroceso dun punto porcentual na taxa de obesidade infantil.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com