" />

En execución 84 millóns de euros no polo aeroespacial 2025

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, sinalou hoxe, durante a súa participación en Vigo na asemblea xeral do Consorcio Aeronáutico Galego, que xa están en execución 84 millóns de euros de fondos públicos no Polo Aeroespacial, dentro da nova estratexia aprobada o ano pasado e que aspira a mobilizar un total de 540 millóns de euros ata 2025 entre investimentos públicos e privados.

Conde apuntou que nestes primeiros pasos da nova folla de ruta para estes cinco anos, unha peza fundamental é a colaboración co Consorcio Aeronáutico Galego, a través dun convenio que permitirá activar un observatorio do sector para dispoñer de información precisa e áxil coa realización de estudos concretos en áreas como o diagnóstico da cadea de valor, internacionalización, financiamento, ou creación de empresas.

Dentro das iniciativas que xa están en marcha no novo período do Polo Aeroespacial, o vicepresidente económico lembrou que a nova licitación para atraer á Comunidade a entre catro e oito empresas tractoras do sector para apoiar arredor de 80 proxectos de I+D ampliou o seu orzamento ata os 52,3 millóns de euros.

Mediante esta iniciativa desenvólvese un modelo de colaboración entre o sector público e o privado, e tamén entre os distintos tipos de empresas e centros de coñecemento, para fomentar a incorporación das pemes ás cadeas de valor das grandes empresas tractoras do sector aeroespacial, así como as universidades e outros centros de investigación xeradores de coñecemento. As nove compañías e consorcios que aspiran a desenvolver programas conxuntos de I+D co Goberno galego son Airbus, Babcock, Boeing Aerospace Spain, Indra, Sistemas y Montajes Industriales, Telefónica, Telespazio, CT Ingenieros e Aertec-Tecnobit. Prevese seleccionar aos socios estratéxicos o próximo mes de maio.

Conde, que resaltou que unha das metas que debe fixarse o sector aeroespacial de Galicia é a súa internacionalización para que este 2022 sexa o ano da súa recuperación e se poidan superar os 132 millóns de euros prepandemia, sinalou que o Polo Aeroespacial tamén estivo moi presente na misión comercial a Colombia celebrada a semana pasada.

Esta permitiu confirmar que unha delegación do Goberno colombiano visitará as instalacións do aeródromo de Rozas o próximo mes de abril, co que isto supón á hora de iniciar vías de intercambio e colaboración entre ambos países. Do mesmo xeito, o vicepresidente económico fixo fincapé nas oportunidades que se poden abrir para o sector co Perte aeronáutico cando o Goberno o convoque.

No marco das actuacións que xa se están desenvolvendo no Polo Aeroespacial, atópase a adxudicación por 12,75 millóns de euros do proxecto de simulación avanzada para a xestión do tráfico aéreo U-Space que se desenvolverá no Centro de Investigación Aeroportada de Rozas (CIAR), unha licitación lanzada polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI) e adxudicada a Indra e Boeing, cuxa continuidade no Polo Aeroespacial está así garantida, tal e como salientou o responsable de Economía, Empresa e Innovación.

Por outra banda, no eido do impulso ao talento, lanzaranse proximamente novas convocatorias da aceleradora Business Factory Aero (BFAero), así como se continuará co desenvolvemento de diferentes actividades de fomento das vocacións científico- tecnolóxicas orientadas ao sector aeroespacial.

Na súa intervención na asemblea xeral do Consorcio Aeronáutico Galego, o vicepresidente económico fixo fincapé nos resultados logrados no período 2015-2020 no Polo Aeroespacial de Galicia: 164 millóns de euros de investimento público-privado mobilizados; máis de 900 profesionais; 60 solucións tecnolóxicas e produtos no mercado dun total de 655 resultados obtidos; e a creación de 24 novas empresas. Todo iso, contando coa participación das principais multinacionais do sector: Indra, Babcock e Boeing, e o talento de máis de 900 profesionais.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo