En Marea defende que o corredor da costa sexa unha autovía

A candidatura para as xerais da plataforma política  En Marea  realizou onte en  Viveiro un mitin  para presentar as propostas da coalición á cidadanía da vila e da Mariña lucense.
Polo estrado do Conservatorio de Música da cidade foron pasando os diferentes candidatos da lista, así como persoeiros da coalición como ramón Vázquez, Lídia Senra, ou Xosé Manuel Beiras, así como o número un da lista Miguel Anxo Fernán.

Ramón Vázquez, deputado de AGE no Parlamento Galego dixo dende o estrado “Somos moita xente os que estamos arrimando o ombro e queremos que se escoiten moitas voces. O que está a pasar non é casualidade, é un traballo de moitos anos de acumulación de forzas: xentes que defenderon os traballos de Alcoa, nais e país que defenderon os dereitos dos seus fillos..”.

Lidia Senra, deputada de AGE no Parlamento Europeo, falou principalmente das políticas de austeridade do bloque neoliberal, que “nos están levando a que en Galiza volva a haber fame”. “Debemos marcarnos como obxectivo conseguir o acceso de toda a poboación a unha alimentación sa, suficiente e de calidade”. “É necesario manter como bens públicos a auga, a terra e as sementes. Loitaremos contra todas as leis que supoñan a privatización da auga, o acaparamento de terras e a apropiación das sementes.
Dixo que tamén se opoñían a todo tipo de transxénicos, así como a que” as nosas costas sexan ocupadas pola acuicultura industrial. Non imos permitir q se arruíne a nosa pesca”.

Xosé Manuel Beiras, portavoz nacional de Anova e voceiro parlamentario de AGE, destacou que en Galicia, ao longo da historia, sempre foi a xente a que tivo que organizarse para defenderse.

“En Marea non é máis que un proceso que ven de moi atrás –dixo-, da loita labrega, secular, da loita social dos séculos XIX e XX. Tamén da xente da cultura, como Miguel Anxo Fernán Vello, que tivo que encargarse de defender a nosa lingua”. “Foi a xente a que intentou levar adiante a normalización lingüística e o uso do galego na xustiza, nos documentos administrativos, na educación…”, engadiu.

Beiras asegurou que cando no 15 M a xente saíu a rúa para dicir “non nos representan”, en Galicia “xa facía moito tempo que sabíamos que non nos representaban. No Prestige, tivo que ser a xente a que construíu diques flotantes para evitar que o chapapote acabase con todo”.

“Esa maioría agredida constantemente polos gobernos foise organizando en cooperativas, mancomunidades, organizacións veciñais, feministas, da mocidade e  esbarallouse o estado e xurdiu a nación, o pobo. Chegou o momento en que toda esa xente que se organizaba deu un paso adiante e naceron as Mareas”.
“Iso significa un cambio histórico. Por iso esta vez si, esta  marea vai ser tan viva que vai chegar á Moncloa”, concluíu.

Pechou o acto Míguel Anxo Fernán Vello, número 1 da candidatura de En Marea por Lugo, que destacou a necesidade de levar a cabo accións estruturais no Porto de Celeiro para potenciar a súa capacidade, non só como porto pesqueiro (excelente na pesca de pincho), senón tamén como porto comercial. “E non unicamente no mercado con cuarzo ou cuarcita, tamén para o comercio de madeira con destino a mercados internacionais”, apuntou.

“Pero para ampliar a capacidade comercial é preciso tamén mellorar as comunicacións por vía terrestre –engadiu-. Que pasa co corredor San Cibrao-Ferrol e a súa variante de Viveiro? Son fundamentais!”. Fernán Vello adiantou que En Marea  defende que este corredor sexa unha autovía.

Para rematar, invitou a todos os asistentes a que o 20 de decembro acudan En Marea a votar e a favorecer o cambio da vella política a unha nova “centrada na xente”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com