En Marea solicita un aumento de persoal no servizo de menores da provincia

A deputada de En Marea, Paula Verao, rexistrou no Parlamento Galego unha iniciativa co obxectivo de cubrir as necesidades dos menores na provincia de Lugo. Para garantir un correcto funcionamento do servizo “resulta imprescindible o aumento do persoal, evitando así a sobrecarga dos traballadores e das traballadoras e o estrés derivado desta situación”.

No ano 2019, o persoal do servizo de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da provincia de Lugo trasladou á Consellería de Política Social unha serie de necesidades e problemas que non se resolveron a inicios de 2020. Segundo o persoal, serían precisas unhas vinte persoas máis no servizo, algo que a Consellería coñece dende o ano 2018. Ademais, as substitucións de persoal vacante que se teñen producido foron moi lentas e precisaríase unha equipa específica de emerxencias, con 4-5 persoas.

Paula Verao lembrou que “a Consellería foi informada sobre o gran número de horas de traballo que debe ocupar o persoal fóra da xornada laboral para poder sacar adiante os casos, horas que non son remuneradas”. Deste xeito, o persoal propuxo facilitar a modalidade de teletraballo para a axilización de informes, pois esta labor é interrompida ao longo da mañá na xefatura territorial.

A Consellería limitouse a colocar un ordenador nunha sala de reunións para a realización de informes, pero non é o lugar axeitado. A falta de persoal e o atraso na realización de informes leva a falta de axilidade na valoración e seguimento dos casos urxentes con calidade nas horas de traballo, algo que, tal como relata a deputada, “faise a costa do estrés do persoal e de que este utiliza horas do seu tempo de descanso para sacar adiante o traballo pendente”.

Paula Verao tamén reivindicou a solicitude do persoal de ter protocolos claros de actuación en todas as provincias, tendo en conta a Lei de protección de Menores, a Lei de protección de datos e a lexislación sobre procedemento administrativo, ao que a Consellería respondeu que xa se comunicou esta cuestión e que se está a traballar en ditos protocolos para toda Galicia.

Por último tamén resaltou outra demanda do persoal do servizo á Consellería, “a falta de seguridade e de intimidade pola localización do servizo dentro do edificio administrativo da Xunta”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com