Entran os primeiros usuarios na Residencia da terceira idade da Deputación na Fonsagrada

Entre mañá, xoves e o venres entrarán a vivir no Centro de Atención a Maiores da Deputación na Fonsagrada os primeiros usuarios e usuarias, toda vez que nestes días estivéronse facendo preingresos, un proceso no que os futuros residentes coñecen as instalacións e toman contacto co persoal antes de quedarse a residir de maneira definitiva. Os ingresos, ata completar as prazas, iranse facendo de maneira progresiva, en función das circunstancias de cada usuario, a partir de mañá. Cúmprese así a previsión dada polo Presidente, José Tomé, xusto hai un mes cando participou na xornada de portas abertas organizada pola Deputación para dar a coñecer as dependencias á veciñanza.

Cunha superficie de 2.000 metros cadrados, a residencia da Fonsagrada contou para a súa construción, dotación de mobiliario e equipamento cun orzamento total de 2,37M€. Dispón de 14 habitacións dobres distribuídas en tres andares e ten capacidade para 28 usuarios e usuarias e 20 prazas máis para o centro de día.

O centro de maiores da Fonsagrada funcionará con 25 empregados, que son na súa maioría da zona, un factor importante para fomentar un ambiente coñecido para os residentes e que favorece que a xente nova se quede a vivir no rural gracias a un emprego estable.

Coa apertura deste centro na Fonsagrada, amplíase a rede de protección social da Deputación, que xa ten en funcionamento as residencias de Pol, Trabada e Ribadeo. No Orzamento deste 2020, a institución destina 9M€ ás residencias, tanto ás que xa están en funcionamento, como á posta en marcha das da Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita, ademais de avanzar no equipamento das de Meira, Ribas de Sil e Navia.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com