" />

A escola de avós e avoas da Xunta suma 300 participantes en dous anos

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica, e a Cruz Vermella pecharon unha nova edición do programa de avós e avoas educadores. Trátase dunha iniciativa que ten como obxectivo recoñecer o importante papel das persoas maiores que exercen responsabilidades parentais, así como proporcionarlles un espazo no que formarse e adquirir as habilidades para afrontar a educación dos seus netos e netas.

En canto aos datos de participación neste programa, cómpre salientar que desde a súa posta en marcha en outono de 2016 ata novembro deste ano foron 316 avós e avoas que participaron nel e constituíronse 32 escolas. A Xunta dará continuidade o vindeiro ano a esta iniciativa cunha nova edición que se volverá a desenvolver nas sete principais cidades de Galicia: A Coruña, Ferrol, Santiago, Lugo, Pontevedra, Vigo e Ourense.

A Consellería enmarca este programa na necesidade de dar resposta a unha realidade na que os avós e avoas xogan un papel clave en moitas familias no ámbito da educación e coidado dos seus netos e son moitas as persoas maiores que están unha parte significativa da xornada cos máis pequenos fóra do horario escolar. Así as cousas, esta iniciativa serve de apoio e de utilidade tanto para os propios avós como para os pais, en termos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

Outra das finalidades do proxecto que desenvolve Cruz Vermella é proporcionar información e recursos aos avós e avoas para abordar situacións que se lles presenten cos seus netos no día a día. Trátase de conxugar toda a experiencia que xa teñen como avós e pais co coñecemento de realidades e tendencias novas para eles en temas como as redes sociais, a resolución de conflitos e o acoso escolar, novas ferramentas lúdicas e educativas, etc.

A proposta está baseada nunha metodoloxía dinámica e consta de varias fases. A primeira é a fase grupal, denominada ‘Escola’, que ten un programa establecido coa celebración de sesións de carácter semanal. Tamén hai unha fase individual na que o traballo é de maneira personalizada cos avós e avoas que así o soliciten, marcándose as citas que sexan necesarias. Ademais, hai unha fase grupal de axuda mutua, na que os participantes escollen aqueles temas sobre os que queren profundar.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo