" />

Esqueda Unida demanda do Goberno municipal a creación dunha bolsa de vivendas de alugueiro para persoas en situación de vulnerabilidade

Esqueda Unida Lugo vimos de presentar perante o Rexistro do Concello de Lugo unha petición á Alcaldía pola que demandamos ao Goberno municipal a urxente necesidade de crear unha bolsa de vivendas de alugueiro para persoas en situación de vulnerabilidade social ou económica.

Dende hai moito tempo, pero coa actual crise social e económica derivada da pandemia da Covid 19 viuse agravada, son infinidade as peticións de axuda aos Servizos Sociais e a outros recursos, como ONGs, para poder atopar e sufragar unha vivenda digna para moitas familias na nosa localidade, sen obter unha resposta positiva.

Persoas nunha situación de vulnerabilidade, que perciben unha prestación ou subsidio, ou cun salario baixo, en situación de desemprego ou sen ingreso algún, non poden actualmente acceder a unha vivenda na nosa cidade se non hai unha axuda por parte da Administración pública, pero estas administracións -tanto a Xunta como o Concello- non poñen máis que atrancos a estas persoas que están a tentar subsistir e aspiran a poder vivir dignamente.

Dunha parte, a Xunta esixe ás persoas perceptoras de RISGA unha unidade de convivencia independente para poder seguir a percibila, co que impón a unha persoa ou familia que con 426 euros ao mes alugue unha vivenda, sancionando a quen decida compartir piso porque non é quen, non só de afrontar o pago, senón tan sequera de que un particular ou inmobiliaria lle faga un contrato de aluguer.

A día de hoxe, o mercado inmobiliario na nosa cidade é un campo de batalla e, no caso das persoas en situación de vulnerabilidade, un campo ermo, pois ademais de esixir unha nómina ao potencial arrendador, piden un ou ata dous meses de fianza, un seguro de impago e un aval. Se xa é unha situación de por sí complexa para unha persoa cunha situación económica minimamente estable, alugar para unha persoa vulnerable vólvese unha situación imposible. A realidade é ésta: ninguén aluga a unha persoa en desemprego ou que percibe unha prestación. Doutro lado, o Concello deixa en mans dos Servizos Sociais todo aquelo que implica unha situación que denominan de “emerxencia social”, pero máis que emerxencia deberiamos falar de necesidade. Se unha familia decide procurar un aluguer noutro Concello, por ser máis barato ou sinxelo, a Intervención do Concello de Lugo denega automaticamente a tramitación dunha Axuda de Emerxencia Social para abonar a fianza, pois esa persoa pasará a vivir noutra localidade, esquencendo que nese intre segue a estar empadroada no Concello de Lugo, e como tal, ten dereito a beneficiarse deste recurso.

Non só expulsan ás veciñas e veciños do Concello, senón que o fan de malos modos. A día de hoxe as traballadoras sociais do Concello están a enviar a Cáritas e a Cruz Vermella aos usuarios e usuarias porque non teñen recursos para facer fronte á dita situación de necesidade. O Concello de Lugo “subcontrata” os Servizos Sociais e nega o dereito a unha vivenda digna ás súas veciñas.

Unha cidade na que a súa Alcaldesa se vanagloria de construir barrios multiecolóxicos, urbanizacións en As Saamasas, na contorna da nova pasarela xunto ao río, pero que é a terceira cidade con máis vivendas baleiras do Estado, non pode permitir que haxa unha soa persoa ou familia sen acceso á vivenda.

Por todo isto, dende Esquerda Unida Lugo esiximos ao Goberno municipal actual, un plan de vivenda digna para a nosa veciñanza, que pasaría necesariamente pola creación dunha bolsa de vivendas de aluguer para as persoas e familias en situación de vulnerabilidade social ou económica.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo