Ribeira Sacra Cañóns

Esta semana a Unesco decide se a Reservera da Biosfera da Ribeira Sacra se converte na sétima reserva da biosfera de Galicia

A Unesco reunirase esta semana en Nixeria para decidir definitivamente se o espazo natural conformado pola Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel se converte na sétima reserva da biosfera de Galicia.
A última palabra sobre a candidatura impulsada pola Xunta de Galicia correspóndelle ao Consello Internacional de Coordinación do Programa Men and Biosphere (MaB), que a partir deste luns e ata o vindeiro 17 de setembro estará reunido na cidade nixeriana de
Abuja para deliberar e dar a coñecer publicamente os nomes das novas reservas da biosfera en todo o mundo.
A Ribeira Sacra afronta un momento decisivo na súa candidatura ante a Unesco, unha proposta impulsada e liderada desde o principio pola Consellería de Medio Ambiente, que se concretou a comezos do ano 2019 nunha primeira proposta, elaborada coa colaboración do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) da Universidade de Santiago de Compostela e da Fundación Juana de Vega.
Tras un longo proceso de participación pública e unha vez superado o trámite ante o Comité Español do Programa MaB, que en novembro de 2020 avalou a candidatura por unanimidade e decidiu seguir adiante coa súa tramitación, a proposta para declarar reserva da biosfera a Ribeira Sacra chegou a mans do órgano consultivo internacional da Unesco, que emitiu hai uns meses un informe favorable no que, ademais, felicitaba aos promotores polo traballo realizado e a “excelente” calidade do proxecto.
Case tres anos despois de que a candidatura galega botara a andar, a Xunta afronta agora con optimismo a deliberación definitiva dos membros do Consello Internacional de Coordinación do Programa MaB, máximo órgano reitor dentro da Unesco no que respecta
a esta prestixiosa figura.
Se todo transcorre segundo o agardado e a proposta galega sae proclamada en Abuja, a declaración da nova reserva da biosfera entrará en vigor tras a súa publicación no Boletín Oficial do Estado, ao tratarse dun instrumento internacional de protección.
Deste xeito, Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel converteríase na sétima reserva da biosfera declarada en Galicia e na segunda máis grande da Comunidade, xa que este espazo natural, situado a cabalo entre as provincias de Lugo e Ourense, abarca unha superficie total de 306.534,77 hectáreas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com