O Parque do Pazo de Feiras e Congresos será este sábado, 10 de maio, o escenario dunha nova xornada do Circuíto Larsa Corre con Nós, coa celebración da súa quinta proba. A cita, que combina natureza e deporte no corazón da contorna do Miño, incorpora este ano unha novidade destacada: unha pequena exhibición na que un grupo de corredores participará acompañado dos seus cans, abrindo a porta a futuras iniciativas que integren tamén ás mascotas nesta proposta deportiva e familiar.
A proba chega cun balance moi positivo nesta edición, superando xa as 2.271 persoas inscritas no circuíto.
A exhibición canina celebrarase antes da proba MINI, prevista para as 17:00 horas, e consistirá nunha volta duns 800 metros arredor da zona de saída e chegada, situada baixo a pasarela fluvial xunto á Fábrica da Luz. Os participantes, xa afeitos a correr cos seus cans, protagonizarán esta proposta piloto coa que se pretende achegar esta modalidade ao formato do circuíto.
As probas oficiais desenvolveranse sobre percorridos de terra e asfalto, combinando tramos interiores no recinto do parque co paseo fluvial do Miño. No caso da carreira de adultos, o trazado esténdese ata a ponte sobre o río Mera, cunha distancia total de 5.850 metros. As carreiras de menores manteranse dentro do recinto, adaptadas a cada categoría:
17:00 h: MINI (350 m)
Percorrido → Racemapp
17:05 h: SUB10 e SUB12 (800 m)
Percorrido → Racemapp
17:15 h: SUB14 e SUB16 (1.850 m)
Percorrido → Racemapp
17:30 h: Adultos (5.850 m)
Percorrido → Racemapp