" />

Estigmatizar a Milagrosa non é xuxto. Ignorar a súa real e grave problemática, tampouco

Se hai algún barrio que ocupe un lugar moi especial no meu corazón é A Milagrosa. Prácticamente toda a miña infancia transcorríu nel.

Alí medrei, fun ao colexio, fixen amigos, convertinme en muller, namoreime, casei, e tamén moitos anos da vida do meu fillo estiveron estreitamente vinculados a este barrio.

Os azares da vida fixeron que durante un tempo me afastara del, malia que non deixei de visitalo, para, finalmente, hai aproximadamente dez anos, regresar coa intención de ficar nel.

Por desgraza, ao pouco tempo decateime de que xa nada era igual que antes, e non soamente polo paso dos anos, que, obviamente, deixa pegadas, se non porque o meu barrio xa non existía, ou polo menos unha gran parte del, do que eu lembraba, no que eu vivira .

Aquelas rúas tranquilas, polas que os veciños paseábamos e nas que charlábamos tranquilamente, sen mirar o reloxo, nin temer que anoitecera, porque non había razón para ter medo, pasaron, pouco a pouco, a ser escenario de pelexas, broncas e berros, mesmo a pleno día.

Moitas vivendas da zona que foron quedando baleiras, ben polo falecemento dos seus propietarios, ou porque moitos deles, xa de idade avanzada, non dispoñendo de ascensor, marchaban a outros que lles brindara unha mellor accesibilidade, pasaron a ser habitadas por xente que descoñecía o civismo e as normas máis elementais de convivencia.

Ruidos, berros, música a todo volumen a todas as horas do día, pelexas, agresións e mesmo trapicheo de drogas compartían parede con moitas persoas que, despois de toda unha vida de tranquilidade no seu fogar, sentían que se convertira nun inferno.

Noites sen durmir, ansiedade e medo foron, pouco a pouco, convertíndose nos seus compañeiros de piso.

Sei ben do que falo. Eu fun, son, unha deles.

Ninguén que non o viva pode entender o que é chegar a sentir pánico na túa propia casa.

Inútil chamar a Policía. A súa resposta, se había sorte e acudían, era sempre a mesma: “Non podemos facer nada”.

Impotencia, desesperación, que levaron a algúns que puideron, a abandonar as súas casas.

O resto, vai sobrevivindo como pode ao medo, ao insomnio, e a ansiedade que lles xenera ter o inferno pegado a súa parede.

O comercio da zona tamén foi esmorecendo, ata morrer nalgunhos casos, porque a inseguridade, o vandalismo, os obrigou a pechar ou a marchar na procura dun sitio mais seguro.

Algúns locais de hostalaría pasaron a estar rexentados por eses personaxes, polo que en certas zonas do barrio, os conflictos están asegurados e de feito se dan con frecuencia, pero sen consecuencias para eles, para quen semella que as leis non rixen.

O deterioro foise facendo cada día máis evidente, sen que ninguén con atribucións fixera nada por tentar evitalo, ao mesmo tempo que a delincuencia ía gañando terreo.

Como moito, algunha que outra comitiva para deixarse ver en campaña electoral. Punto.

Mala iluminación, casas semiderruídas, locais pechados e medio destrozados constitúen a día de hoxe a fisonomía dunha gran parte do que foi, e ainda é, un dos barrios mais emblemáticos da cidade.

Agora, un grave rebrote do coronavirus veu a agravar a situación poñendo A Milagrosa no punto de mira, por mor das duras restriccións impostas nel, que indignou a moitos, que manifestaron que se estaba a culpabilizar ao barrio deste repunte, e a estigmatizalo.

Mesmo alguén chegou a afirmar que trataban aos veciños como apestados, e que na zona non ocorría nada do que se estaba a dicir, culpando, principalmente, aos medios de comunicación que recolleron a noticia.

Naturalmente, isto correu coma un regueiro de pólvora polas redes sociais, e, francamente, eu non entendo nada, teño que confesalo.

Non sei a que ven esa suposta estigmatización do barrio, nin tampouco se lles está a culpar dos contaxios.

Tan difícil é de entender que a razón pola que se impuxeron esas restriccións tan rigorosas é porque moitos dos que participaron na festa que se supón detonante dos contaxios viven e traballan nese barrio, polo que o están a espallar?.

Que ainda hai moitos sen identificar, e con dúbidas mais que fundadas de que chegue a ser posible facelo, e que isto supón unha auténtica bomba de reloxería para a saúde de todos?.

Que unha gran maioría traballan en sectores baseados no contacto co público e de non tomarse medidas drásticas as consecuencias poden ser algo máis que tráxicas?.

Claro que o acontecido é un auténtico mazazo para os negocios e a economía do barrio, pero, cal é a alternativa, deixar que o virus circule libremente, antes que tentar frealo?.

E, por suposto, o segundo non implica culpabilizar a Milagrosa, nin moito menos estigmatizala. Agora ben, é o momento de ser honestos, e recoñecer que o barrio tivo e ten o inorfortunio de contar con veciños que non son precisamente un exemplo de civismo e responsabilidade.

Deixémonos de dobres morais.

Non serven de nada as campañas en redes, se non se arrima o ombro e se loita contra o que realmente está matando o barrio desde hai tempo. O virus non fixo mais que visibilizar o que hai moito tempo que está pasando.

É o momento de esixir responsabilidades a quen ten a obriga de tomar cartas no asunto.

Non abonda con pasearse polo barrio e sacarse unhas cantas fotos. Menos Milagrosistas coa boca pequena e virtuais, e mais xente honrada disposta a loitar polo barrio.

É inadmisible que se chegara a tal degradación nun barrio que conta, ademais, nada menos que con dúas Asociacións de Veciños. Sen comentarios, porque, realmente, sobran.

Eu non son quen para dar consellos, vaia por diante, pero, se algún hostaleiro da zona me le, gustaríame lanzarlles unha mensaxe, a de que eu creo que o mellor xeito de loitar é, dentro do permitido, abrir as súas portas, e non permitir, baixo ningún concepto, que ninguén, cliente habitual ou non, incumpla as normas nos seus establecementos, e a quen o faga, despois de advertilo, naturalmente, porque un despiste o pode ter calquera, se persiste na súa actitude, convidalo a abandonar o local, e, se ainda así non entra en razón, é o momento de chamar a policía.

Demostrádelle a todo o mundo que nos vosos establecementos estamos seguros, algo do que estou firmemente convencida.

Creo que xa é hora de que veciños, comerciantes…todos, esixan que, dunha vez por todas, se mire polo barrio, e se poñan solucións REAIS.

Para solucionar calquera problema, sexa no eido que sexa, a primeira e fundamental premisa é asumir a súa existencia, e mentras isto non se faga, é imposible soñar con que se arranxe.

E precisamente por isto é polo que digo que estigmatizar a Milagrosa non é xusto, certo, pero ignorar a súa problemática, grave e real, tampouco.

Marta Rodríguez Engroba.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo