EU solicita na Audiencia Provincial a nulidade do sebreseímento da causa do carrexo de votos por parte do PP

Esquerda Unida vén de presentar ante a sección segunda da Audiencia Provincial de Lugo a solicitude de nulidade do auto de pasado 11 de abril de 2017 no que se sobreseía a causa e arquivaban as actuacións referentes á investigación dun delito electoral presuntamente cometido por altos cargos do Partido Popular lugués, ao carrexar votos de persoas anciás e impedidas residentes no asilo Hogar San Roque.

Esta petición de nulidade, previa ao recurso de amparo ante o Tribunal Constitucional,  baséase no que se considera unha aplicación arbitraria da normativa legal, que vulnera directamente o dereito fundamental á tutela xudicial efectiva en relación a garantir outro dereito tamén fundamental, o de participar nos asuntos públicos por medio de representantes libremente elixidos.

Literalmente, o escrito presentado por Esquerda Unida expón que o auto emitido pola Audiencia Provincial “realiza unha aplicación do dereito arbitraria, que ten como resultado a conclusión de que os feitos que constan acreditados, non son constitutivos, nin sequera con carácter indiciario, de delito”.

Con base a este argumento, a Audiencia ditaminou o sobresemento provisional, por considerar non debidamente xustificada a perpetración do delito que deu motivo á formación da causa, a pesares de recoñecer no propio auto que os feitos denunciados dende a agrupación comarcal de EU Lugo (que o mesmo tribunal califica de reprochables ética e socialmente) quedaron acreditados con probas documentais e gráficas. “Estanse a ignorar feitos probados de suma gravidade, a democracia en si mesma perde sentido se non ten consecuencias penais que un colectivo vulnerable sexa forzado a exercer o seu dereito a voto de forma dirixida, aínda quedando probado, como así certificou o Instituto de Medicina Legal de Galicia, que tiñan as súas capacidades cognitivas alteradas e polo tanto non estaban en condicións de votar de xeito libre e informado”, salienta Isabel Sánchez, coordinadora comarcal de EU Lugo e membro do Consello Nacional de Esquerda Unida.

“Consideramos que a resolución da audiencia é contraditoria en si mesma e que non satisface en absoluto o canon constitucional, ao prescindir da motivación esixida constitucionalmente de garantir a elección libre dos representantes públicos, posto que non se observan no auto as normas legais esenciais que tutelan este dereito fundamental. Por iso outorgamos a oportunidade de que se repare a vulneración do dereito á tutela xudicial efectiva, anulando a actual resolución e emitindo un novo ditame, antes de acudir, de ser preciso, á demanda de amparo constitucional”, explica Sánchez.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com