" />

Exercer ou impulsar actuacións en SUPLUSA podería supor responsabilidade penal

O Goberno da Deputación advirte que exercer, impulsar ou contribuír hoxe á actuacións en SUPLUSA podería supor responsabilidades penais. Por este motivo, pide a todas as persoas con algún tipo de vinculación coa Sociedade Urbanística Provincial que se absteñan de exercer actividade algunha contraria á sentencia emitida pola Audiencia Provincial de Lugo. Esta declara ilegal e nula a modificación dos Estatutos promovida polo Partido Popular, o Consello de Administración e os acordos emanados do mesmo.

O voceiro do Goberno da Deputación, Álvaro Santos Ramos, apuntou que a sentenza reflexa “que o PP ten convertido SUPLUSA nun chiriguito, pois forma parte da súa trama para que, entre outros dos seus intereses políticos, non abran as residencias da Deputación. Un chiriguito que hoxe non ten órganos de dirección por culpa do Partido Popular; no que non pode exercer o Consello de Administración emanado dos cambios estatutarios promovidos polo PP e que declara ilegais e nulos a xustiza, -un Consello, por certo, con maioría do PP, que conta con 5 dos 9 Conselleiros-; ao igual que tampouco pode exercer o Presidente que xurdiu desa modificación dos Estatutos e non se poden desempeñar as competencias que os Estatutos do PP concederon a SUPLUSA”.

Segundo o goberno da Deputación, SUPLUSA tampouco conta con intervención, pois o persoal cualificado que desempeñaba esta función presentou a súa renuncia ao parecer por motivos persoais, pois isto non foi comunicado oficialmente ao Consello de Administración. “Non deixa de chamar a atención que para outros asuntos se convoque ao Consello e para isto, que non é unha cuestión baladí, non se teña feito”. Tamén perdeu a súa condición de medio propio por non obedecer as directrices da súa matriz, que é a Deputación, dende que se modificaron os Estatutos e se nomeou ao novo Consello de Administración.

Os servizos xurídicos manteñen que o posible recurso de casación á sentenza da Audiencia Provincial o tería que presentar a voceira e Presidenta do Partido Popular, Elena Candia, pois é a responsable habilitada por SUPLUSA para inscribir, desenvolver a tramitación e defender a modificación dos Estatutos que ela mesmo e o seu partido promoveu nesta Sociedade e que a xustiza vén de declarar ilegal e nulo.

O Goberno da Deputación, pola súa banda, está a facer “unha análise xurídica profunda” da sentenza da Audiencia Provincial e as súas consecuencias, sendo a primeira delas “a imposibilidade dos órganos de dirección, que emanaron da modificación ilegal e nula que promoveu o PP dos Estatutos, a exercer como tales. Por este motivo, pedimos a todas as persoas con calquera vinculación con SUPLUSA que se absteñan de exercer, impulsar ou de contribuír calquera actividade que sexan contraria ao que ditou a xustiza, posto que isto podería derivar en responsabilidades penais”, advertiu Santos Ramos.

Tras esta “análise xurídica”, o Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, anunciará e executará a partires do luns as iniciativas que se levarán a cabo para tomar a tutelada “dunha sociedade instalada no disparate dende que Elena Candia puxo o seu obxectivo nela” e para tratar de regularizar a situación e o traballo de SUPLUSA.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo