" />
SAN CAETANO 10,00 h.- O titular do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, reunirase coa alcaldesa de Lugo, Lara Méndez López. foto xoán crespo 10/02/17

Feijóo comprometese con Lara Méndez a realizar investimentos en Lugo

Logo da reunión que mantiveron esta mañá en Santiago o Presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, a rexedora acadou o compromiso por parte de Feijóo de “non deixar descolgado a Lugo” e definiu a reunión como “intensa”, entregándolle ao presidente o mesmo dossier que en agosto de 2015, “pois as demandas e reivindicacións feitas polos veciños e veciñas de Lugo non están realizadas na inmensa maioría”.

No tocante a infraestruturas, a Alcaldesa puxo enriba da mesa a Intermodal, que no ano 2012 tiña un proxecto, comprometido polo propio Ministerio, e que se rescindiu, aínda co compromiso da Xunta de seguir avanzando nela. “Queremos que sexa unha realidade, para non quedar illados, e seguir así promovendo a chegada a Lugo do AVE,” subliñou a rexedora.

O Plan Paradai foi outro dos temas comentados na reunión, “un plan que xa cumpriu a maioría de idade, máis de 18 anos dende o seu inicio e que aínda non está acabado”. Neste punto, Feijóo trasladoulle á rexedora a intención de “impulsar novos treitos”, que a Xunta deberá concretar urbanisticamente. Así mesmo, no encontro falouse da dotación do barrio da Residencia. “Queremos eses compromisos adquiridos por parte da Xunta de Galicia, como o PAC ou un centro de saúde” subliñou a rexedora, quen lembrou a xuntanza no día de onte “para instalar unha comisaría de Policía no Vello Xeral, de caracter partidista e non institucional”.

No referente ao eido sanitario, Lara Méndez reivindicou unha vez máis Hemodinámica 24 horas, e en temas de benestar, “a tan necesaria residencia de terceira idade”, posto que Lugo leva 40 anos sen unha nova residencia pública. A rexedora lembrou que o pasado ano, o Concello puxo a disposición da Xunta 7 parcelas para esa ubicación, pendente dunha contestación da ubicación por parte da Xunta. Nesta liña, Feijóo avanzou a intención da administración autonómica de “presentar nas vindeiras semanas un Plan Director para que Lugo teña unha nova residencia de maiores”.

En canto á posta en funcionamento do Auditorio de Lugo e ante as dificultades do Concello para afrontar unha parte do seu equipamento, Feijóo propuxo á alcaldesa “non cobrar o imposto de bens inmobles ao hospital e aos centros de saúde no termo municipal, ao igual que sucede noutros municipios galegos”. A rexedora luguesa comprometeuse a estudalo, co obxectivo de poñer en funcionamento o Auditorio.

Entre outras cuestións, Lara Méndez esixiu máis prazas públicas de gardería, irrenunciables polo que supón en termos educativos e sobre todo, de conciliación, e trasladoulle ao presidente dos galegos, e tamén dos lugueses, a preocupación do Goberno lugués por dinamizar emprego, e de dotar de servizos básicos aos veciños e veciñas do rural, como o saneamento, para o cal pediu colaboración coa administración autonómica.

Xa no referido ao educativo, a Alcaldesa amosou a vontade de finalizar os axustes necesarios para conceder a licenza para que a Xunta comece máis cedo que tarde coa obra de ampliación do colexio das Mercedes e do Sagrado Corazón. Así mesmo, coas licenzas para que a Xunta continúe coa rehabilitación da Tinería.

Para Lara Méndez coa xuntanza de hoxe,  comeza “unha etapa nova”, e cree que este mandato será “no que os lucenses lle poderemos dar as grazas ao Presidente por unha colaboración entre ambas administracións, necesaria, e que redundará nos e nas lucenses”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo